Novas

Xoves, Novembro 03, 2011

A Xunta elabora un mapa de riscos ergonómicos para loitar contra os accidentes laborais por sobreesforzo

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou hoxe en Lugo unha xornada técnica sobre trastornos musculoesqueléticos e mobilización de enfermos.

• Xunto co mapa, a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver un programa de loita contra este tipo de sinistros.

• O departamento autonómico realiza por primeira vez estas dúas actuacións que forman parte do Plan de Actividades 2011.

• Os accidentes con baixa por sobreesforzo na xornada laboral descenderon un 17,9% no primeiro semestre de 2011 con respecto ao mesmo período de 2010.

Lugo, 3 de novembro de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a elaborar un mapa de riscos ergonómicos e un programa de loita contra este tipo de sinistros. Así o avanzou hoxe a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, na clausura dunha xornada técnica que se celebrou en Lugo sobre trastornos musculoesqueléticos e mobilización de enfermos.

Quinzá-Torroja destacou que as dúas iniciativas do Goberno galego son novidosas e forman parte do Plan de Actividades 2011 do ISSGA.

Con respecto ao programa de loita contra os accidentes laborais por sobreesforzo, indicou que é un plan de asesoramento técnico, seguimento e control sobre as empresas que presentan un maior número de accidentes por sobreesforzos, co fin de que se reduza a súa siniestralidade. “O obxectivo é informar ás empresas sobre as medidas correctoras axeitadas e comprobar como as están a levar a cabo”, apuntou.

Con respecto ao mapa de riscos ergonómicos, sinalou que é unha iniciativa para investigar e caracterizar as actividades onde se presentan con máis frecuencia os accidentes por sobreesforzos, os postos de maior risco e a actuación das empresas nesta materia.

Por outra banda, a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral incidiu na importancia de utilizar medidas axeitadas na mobilización manual de persoas enfermas. Ao respecto, explicou que uns dos riscos aos que están expostos de xeito frecuente os profesionais de sectores sanitaria e asistencial, que a diario teñen que axudar a mover a persoas hospitalizadas ou con discapacidades motoras, son os dores dorsolumbares.

Ao respecto, explicou que as medidas que está a poñer en marcha o ISSGA para reducir a siniestralidade neste eido tamén inciden na información sobre as actuacións axeitadas para evitar estes riscos entre os profesionais da saúde.

Os accidentes con baixa por sobreesforzo na xornada laboral descenderon un 17,9% no primeiro semestre de 2011 co respecto ao mesmo período de 2010. En concreto, entre xaneiro e xuño de 2011 rexistráronse 5.464 accidentes, mentres que no mesmo período de 2010 houbo 6.655.

Destes, 5.464, 5.451 foron leves, 13 graves e non houbo ningún mortal. Por sectores, 106 corresponden a agricultura, 151 a pesca, 1.650 a industria, 914 a construción e 2.643 ao sector servizos.