Novas

Mércores, Febreiro 15, 2023

Xunta e empresarios de Redondela formalizan a adhesión ao protocolo autonómico para difundir as ofertas de traballo no Servizo Galego de Emprego

  • A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a entidade empresarial comprometéronse a traballar da man para casar oferta e demanda laboral
  • O acordo achegará as ofertas das firmas de Redondela ás oficinas de emprego que, a través da intermediación, avogan pola colocación de persoas desempregadas
  • Lorenzana visitou tamén as dependencias provinciais do Issga en Pontevedra onde puxo en valor o seu papel referente na análise de mostras de exposición a axentes químicos e de traballo na prevención da exposición ao risco eléctrico

Redondela (Pontevedra), 15 de febreiro de 2023 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe coa Asociación de Empresarios de Redondela o protocolo de adhesión ao sistema de difusión de ofertas de emprego do Servizo de Emprego de Galicia. Grazas a este vencello, a Xunta de Galicia e a entidade empresarial, comprométense a traballar da man para dar resposta ás vacantes do mercado de traballo, casando oferta de postos coa demanda das persoas desempregadas.

O Goberno galego está a redobrar esforzos co obxectivo de mellorar, a través da formación, a conexión entre a poboación en condicións de traballar coas necesidades do tecido empresarial para dar cobertura ás súas vacantes. Neste senso, a colaboración público privada resulta imprescindible, tal e como destacou a conselleira, na finalidade de acadar que o mundo da empresa atope as persoas coas competencias que coincidan coas súas necesidades. A través do protocolo asinado hoxe, contribúese a que as persoas demandantes de emprego rexistradas nas oficinas autonómicas poidan accedan a eses postos necesarios no caso de moitos sectores para seguir adiante coa súa actividade.

O protocolo asinado en Redondela permitirá, por unha banda, achegar ofertas de traballo ao Servizo de Emprego de Galicia por parte da asociación e dos seus afiliados e, por outra, potenciar o papel de  intermediación laboral das oficinas de emprego.

Modernización do servizo de emprego

A Xunta de Galicia está a traballar para facer máis accesibles, máis próximos e máis dinámicos os seus servizos de emprego ás persoas traballadoras e ao tecido empresarial. Tamén busca mellorar o índice de empregabilidade e estabilidade laboral da cidadanía, polo que está a avogar pola cualificación profesional ao longo da vida, a través dunha formación flexible e adaptada aos cambios do mercado laboral e dunha orientación e asesoramento personalizado.

Neste contexto, o Goberno galego está implicado na modernización tanto das oficinas de emprego -investindo en equipamento, realizando obras de mellora e adquirindo novas infraestruturas, para o que se están a destinar este ano máis de 3M€- e na súa dixitalización. Este 2023 tamén se impartirá formación ás persoas traballadoras destas dependencias e se consolidará o servizo propio e permanente de orientación laboral e prospección empresarial, composto por 136 novos profesionais.

Visita á delegación do Issga-Pontevedra

A conselleira de Promoción do Emprego aproveitou a súa estancia en Redondela para visitar as dependencias do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) na provincia de Pontevedra. Este centro, no que traballan 22 persoas, conta cun laboratorio de referencia de hixiene analítica (LHA), no que se estudan mostras ambientais e biolóxicas procedentes da exposición a axentes químicos a demanda das entidades e se exercen controis a iniciativa do instituto. Este laboratorio tomou en 2022 un total de 233 mostras e fixo 361 análises.

A delegación pontevedresa, por outra banda, dispón dunha Escola Galega de Prevención que a conselleira quixo poñer en valor polo seu traballo para introducir no eido educativo contidos sobre prevención de riscos laborais. A través da mesma búscase incentivar actitudes e hábitos seguros entre os máis novos dun xeito ameno, didáctico e divertido que permita inculcar condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación.

A aula de prevención do risco eléctrico, pola súa banda, traballa para mellorar a formación e habilidades prácticas na exposición á electricidade e está ao dispor da comunidade educativa que imparte ciclos relacionados con esta familia de ocupacións.