martes, Outubro 4, 2022

A Xunta destaca que a aplicación da intelixencia artificial nos centros de traballo mellorará a seguridade e saúde laboral

Santiago de Compostela, 4 de outubro de 2022.  A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, destacou hoxe na apertura da xornada técnica Aplicacións da intelixencia artificial na análise biomecánica, unha nova iniciativa no marco da oferta formativa do Issga en formato webinario, as oportunidades que levará consigo a aplicación da intelixencia artificial na mellora da seguridade e saúde laboral.

Na iniciativa, que se desenvolveu coa colaboración de expertos do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV), sinalou que os consellos en tempo real derivados da aplicación da intelixencia artificial poden influír na mellora da vixilancia da seguridade e saúde no traballo, reducindo a exposición a diversos factores de risco, como o acoso e a violencia, e proporcionando, entre outros, alertas temperás de estrés e/ou problemas de saúde e fatiga. “A información obtida podería ser utilizada polas organizacións para identificar os problemas de seguridade e saúde no traballo, incluídos os riscos psicosociais”, apuntou.

Quinzá-Torroja, sinalou, ademais, que a aplicación da intelixencia artificial na análise biomecánica pode ser de gran utilidade na avaliación e deseño de postos de traballo, desde o punto de vista da ergonomía, permitindo avanzar no obxectivo de realizar avaliacións ergonómicas simuladas para mellorar os procesos de redeseño de liñas de fabricación.