Venres, Outubro 23, 2026
A Xunta destaca o valor da xestión preventiva na mobilidade viaria laboral a prol da seguridade dos desprazamentos no traballo
-
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais participou hoxe na xornada técnica Esperta ao perigo: somnolencia e seguridade viaria, enmarcada nas actividades realizadas polo Issga coincidindo coa Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo
Redondela (Pontevedra), 23 de outubro de 2026
A secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, participou hoxe na xornada técnica Esperta ao perigo: somnolencia e seguridade viaria, enmarcada nas actividades realizadas polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) con motivo da Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo. Alí puxo de relevo o valor das accións de prevención da sinistralidade viaria laboral e a promoción de hábitos seguros nos desprazamentos relacionados co traballo, cuestións abordadas nesta xornada.
Nesta liña, esta acción busca concienciar sobre a necesidade de integrar a seguridade viaria na cultura preventiva das empresas, dado que é un aspecto de seguridade e saúde laboral cando a estrada forma parte do posto de traballo. De aí que esta iniciativa estea dirixida principalmente a persoas traballadoras que realizan actividades de condución e transporte por estrada, condutoras e condutores profesionais, persoal dedicado ao reparto de mercadorías e outros colectivos nos que o seu traballo implique desprazamentos en distintos tipos de vehículos.
Así a xornada conta cunha primeira parte sobre sinistralidade viaria relacionada coa somnolencia durante a condución e as medidas de prevención e o segundo bloque dedícase á visión particular dos profesionais do transporte por estrada. Por último, inclúe un taller práctico cun simulador de alta inmersión e gafas de realidade virtual para experimentar diferentes situacións relacionadas coa condución.
Precisamente, a prevención dos accidentes de tráfico laborais constitúe unha das liñas de actuación do Issga, que desenvolve accións recollidas no seu plan de actuación enfocadas a sensibilizar sobre os riscos relacionados coa mobilidade laboral, a sinistralidade viaria e a xestión preventiva nesta materia.
Esta xornada enmárcase na Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo, organizada pola Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo e os seus socios e que se celebra cada ano en outubro no marco da campaña Traballos saudables. A esta acción de hoxe, impulsada polo Issga, sumaranse outras ao longo deste mes.