Novas

Venres, Decembro 13, 2024

A Xunta destaca o valor da Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia horizonte 2027 ante desafíos como os relacionados co clima

Imaxe congreso

Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2024

A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, destacou que a  Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia horizonte 2027 ten en conta os novos escenarios de traballo e riscos derivados das transicións demográfica, dixital e climática. O obxectivo, subliñou, é apoiar ao tecido empresarial galego na prevención para combater os efectos destes cambios sobre a saúde das persoas traballadoras.

Así o sinalou na apertura da XXVII Xornada da Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais, organizada en colaboración coa Confederación de Empresarios da Coruña, que nesta edición ten como obxectivo analizar como se debe transformar a planificación preventiva para protexer ás persoas traballadoras ante os efectos do cambio climático. Alí tamén puxo de relevo que este evento é unha mostra do traballo conxunto entre os técnicos de prevención de riscos laborais, o tecido empresarial e a Administración autonómica, que ademais apoia a xornada para concienciar sobre a normativa relacionada coa prevención de riscos laborais. 

Por parte do ISSGA tamén participou nesta actividade formativa José Rega Piñeiro, xefe do Centro Issga_A Coruña, que interviu nunha mesa redonda sobre a "Seguridade e saúde no traballo no cambio climático: un desafío por terra, mar e aire".