Novas

Venres, Febreiro 15, 2019

A Xunta destaca a aposta da industria forestal pola formación para promover condicións de traballo seguras

  • O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, acompañado pola directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Santiago nunha xornada sobre as novas ferramentas para a prevención de riscos laborais na actividade forestal
  • Pon en valor a colaboración da Xunta con Fearmaga e empresas deste ámbito para o intercambio de coñecementos e a elaboración de propostas conxuntas para a mellora da seguridade e saúde laboral
  • Avoga pola renovación da tecnoloxía forestal sinalando que as novas máquinas teñen incorporados novos mecanismos de seguridade no seu manexo e lembrando que a Xunta conta con axudas neste eido por valor de 8,6M€
  • A Estratexia galega de formación na industria forestal inclúe a difusión dunha cultura baseada na prevención de riscos laborais para garantir a seguridade laboral

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2019. O director da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), Ignacio Lema, acompañado pola directora do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe en Santiago na xornada organizada polo Instituto, en colaboración coa Federación empresarial de serradoiros e rematantes de madeira de Galicia (Fearmaga), sobre as novas ferramentas para a prevención de riscos laborais na actividade forestal.

Lema puxo en valor a difusión que a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do ISSGA, realiza sobre as medidas de prevención de riscos laborais de carácter sectorial, adaptando as medidas xenéricas ás características propias de cada industria.

Neste senso, lembrou que o grupo técnico de traballo para a industria forestal -formado pola Xunta, Fearmaga, Ence e Finsa- avalía as ferramentas necesarias para que, coa suma de esforzos e a colaboración da Administración co tecido empresarial e os axentes sociais, se poidan mellorar as condicións de seguridade e saúde laboral. No último ano, de feito, os accidentes laborais no sector da silvicultura baixaron con respecto ao exercicio anterior nun 1,94%.

Lema indicou que esta mesa de traballo avoga pola formación para promover condicións de traballo seguras, resaltando a importancia de que as empresas e os profesionais da industria forestal introduzan a prevención “como elemento inherente a todos os procesos, tarefas e actividades”. Ao respecto, subliñou que a Estratexia galega de formación na industria forestal inclúe o fomento da cultura da prevención de riscos laborais como algo inherente á actividade laboral. “A formación debe servir como fundamento que permita xerar unha maior cultura de prevención en todos os ámbitos laborais”, engadiu.

O director da Axencia apuntou tamén á importancia da renovación da tecnoloxía forestal explicando que as novas máquinas xa teñen incorporados novos mecanismos de seguridade no seu manexo. Neste senso, recordou que a Xunta vén de abrir o prazo de solicitude das axudas para a renovación tecnolóxica nesta industria, unha liña de apoios que conta cun orzamento de 8,6 millóns de euros e coa que se prevé mobilizar novos investimentos por valor de 26 millóns. Así mesmo, referiuse ás axudas autonómicas á segunda transformación que financian novos procesos produtivos co obxectivo, entre outros, de dotar ás empresas de maior seguridade no traballo. Esta iniciativa conta cun investimento por parte da Xunta de dous millóns de euros.

Lema, por último, afirmou que “calquera esforzo dirixido a mellorar o ámbito laboral é un esforzo que vai ter consecuencias positivas sobre os traballadores e traballadoras”.

As ferramentas do ISSGA

A Estratexia galega de seguridade e saúde no traballo 2017-2020 conta entre os seus obxectivos promover a mellora das condicións de seguridade e saúde laboral, con especial atención a actividades económicas como é a industria forestal. E o Plan anual de actividades do ISSGA para 2019 inclúe a elaboración dunha ficha específica para a industria forestal na que se achegará información de carácter práctico sobre o manexo seguro de equipos de traballo, en particular de maquinaria forestal. Publicarase tamén documentación técnica en colaboración coas entidades máis representativas desta industria e continuarase coas funcións do grupo de traballo para a proposta e desenvolvemento de medidas preventivas. Entre as novas ferramentas do ISSGA destaca unha App sobre o manexo seguro da motoserra e documentación sobre planificación preventiva e coordinación de actividades neste ámbito.