Xoves, Maio 31, 2012
A Xunta de Galicia destinou no último bienio preto de 300.000 euros ao impulso da profesionalización das redeiras
Os departamentos de Mar, Economía e Industria, Traballo e Igualdade participaron na Asemblea Xeral da Federación Galega de Redeiras.
• Ademais das axudas destinadas pola Consellería do Mar a este sector, destaca a realización da Xornada de Traballo de Redeiras na que se analizaron os problemas do colectivo, a cualificación profesional e o certificado de profesionalidade
• A secretaria xeral da Igualdade, salientou na súa intervención o longo percorrido realizado polas redeiras “na procura do seu recoñecemento profesional”
• A directora xeral de Comercio animou ás redeiras a aproveitar as vantaxes da carta de artesán outorgada pola Xunta e da súa marca Artesanía de Galicia como selo diferenciador e de calidade, ao tempo que lles propuxo traballar en alternativas que contribúan a diversificar as súas liñas de negocio
• A Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver un estudo epidemiolóxico entre máis dun millar de mariscadoras, redeiras, percebeiros e traballadores de marisqueo por inmersión, que rematará a finais deste mes
A Xunta de Galicia destinou máis de 290.822 euros no 2010 e 2011 ao impulso da profesionalización das redeiras co obxectivo de garantir o seu desenvolvemento económico. Especificouno a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez durante a apertura das xornadas organizadas no marco da Asemblea Xeral da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, que tiveron lugar o pasado sábado no concello de Teo (A Coruña). No evento tamén participaron a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, a directora xeral de Comercio, Nava Castro, a directora do Instituto Galego da Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, e a xefa do equipo técnico de Medicina Laboral, Nieves Lorenzo.
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro explicou que esta axuda resulta do apoio, por unha banda, da Consellería de Economía e Industria, para financiar a presenza deste colectivo en feiras. Tamén da Consellería de Traballo e Benestar, que apoiou accións relacionadas coa prevención de riscos laborais e a Secretaría xeral da Igualdade, que colaborou financiando accións como cursos de técnicas básicas de traballos manuais no sector.
Por outra banda, segundo indicou Susana Rodríguez, a Consellería do Mar destinou axudas a un estudo de viabilidade para a realización de visitas guiadas, obradoiros formativos e artigos de artesanía e a tres proxectos de dous Grupos de Acción Costeira e unha empresa para desenvolver actuacións de diversificación e capacitación neste oficio artesanal. Ademais lembrou outras mostras de apoio como a realización da Xornada de Traballo de Redeiras, en xuño de 2010, na que se analizaron os problemas do colectivo como son o intrusismo e o labor da Xunta en canto a inspección da actividade, a cualificación profesional e o certificado de profesionalidade.
Un oficio de Artesanía de Galicia
O das redeiras é un oficio artesanal maioritariamente feminino de grande tradición en Galicia, vinculado á pesca e á cultura marítima, no que se están incorporando agora novos materiais pero onde o labor manual da redeira segue a ser imprescindible. Durante a súa intervención, Nava Castro destacou que a recuperación e mantemento deste oficio contan co apoio da Consellería de Economía e Industria non só pola súa importancia etnográfica senón tamén por se tratar dunha actividade produtiva fundamental para o bo funcionamento do sector pesqueiro. “Un oficio con grandes perspectivas de futuro que debemos impulsar e protexer para que chegue a ser un sector moderno e adaptado aos novos tempos”, sinalou.
Estudo para a prevención
A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a desenvolver un estudo epidemiolóxico entre máis dun millar de mariscadoras, redeiras, percebeiros e traballadores de marisqueo por inmersión, que rematará a finais deste mes. En concreto, xa se levaron a cabo 957 recoñecementos médicos específicos entre este sector co fin de detectar as causas de enfermidades relacionadas co traballo deste colectivo e, desta maneira, poder asesorarlles en medidas axeitadas de prevención. Esta iniciativa estase a desenvolver ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería do Mar e a Federación Galega de Confrarías.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou un avance dos resultados do estudo no que están a participar un total de 32 confrarías galegas. Con respecto a colectivo das redeiras, participaron nos recoñecementos médicos un total de 34 mulleres, 18 da provincia da Coruña e 16 de Lugo.