Novas

Domingo, Abril 23, 2023

A Xunta conmemorará o Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo cunha semana de actos

  • A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) organiza visitas escolares aos seus centros, xornadas técnicas e participa en foros de ámbito estatal
  • A Xunta difundirá en medios de comunicación e dixitais unha campaña con motivo do 28 de abril co foco na xestión dos riscos físicos e psicosociais nos centros de traballo

Santiago de Compostela, 23 de abril de 2023

A Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), promove un programa de actos ao redor do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo que se conmemora o próximo 28 de abril co lema Unha contorna de traballo segura e saudable é un principio e un dereito fundamental no traballo. Entre outras actuacións, celebraranse xornadas técnicas de seguridade na instalación de paneis solares, visitas escolares a centros do Issga, ou a participación en foros sobre traballo e saúde.

O Issga promove o próximo 27 de abril no seu centro de Pontevedra a xornada Seguridade na instalación e mantemento de paneis solares, para dar resposta a unha necesidade crecente nun sector en desenvolvemento, afectado, en especial e no que se refire á sinistralidade, polas caídas de altura tanto durante a instalación como durante a fase de mantemento de paneis solares en cubertas.

A Xunta quere incidir, con motivo da efeméride, na sensibilización acerca da seguridade e saúde laboral desde idades temperás, polo que durante esta semana intensificaranse as visitas escolares á aula de risco eléctrico e á Escola Galega de Prevención, ambos os dous, centros do Issga na provincia de Pontevedra, para chamar a súa atención acerca de que a seguridade debe ser o primeiro chanzo para desenvolver un traballo de calidade e avanzar cara a un maior benestar laboral.

O Instituto galego terá representación, noutro eido de cousas, no V Congreso Internacional de seguridade e saúde no traballo que se celebra en Bilbao os días 24 e 25 de abril e no que disporá un stand informativo. Na mesma localidade terá lugar o 23º Congreso Internacional ORP Bilbao do 26 ao 28 de abril, no que Adela Quinzá-Torroja, xerente do Issga, participará nunha mesa de debate sobre ética, traballo e saúde.

Durante esta semana a Xunta tomará parte ademais nun foro técnico sobre prevención de riscos laborais da Confederación de Empresarios de Galicia (28 de abril) e nunha xornada técnica promovida por LugoMadera para abordar a prevención de riscos laborais no sector forestal.

Campañas divulgativas

O Issga está a activar cadansúas campañas centradas na saúde mental das persoas traballadoras e para a prevención nos traballos en altura con escadas.

A primeira delas, co lema Traballa equilibradaMente, insírese na conmemoración do 28 de abril, e consistirá na difusión en medios de comunicación escrita, dixital e radios, de mensaxes a favor da promoción de contornos de traballo seguros e saudables, con atención aos riscos físicos e mentais. En palabras do Issga, “Galicia traballa no fomento dunha xestión equilibrada dos riscos físicos e psicosociais nos centros de traballo” e “os contornos laborais que coidan estes aspectos, son máis seguros e produtivos e reducen a sinistralidade e as baixas laborais”.

Tamén esta semana (26 e 27 de abril) se celebrará unha nova sesión do curso Técnicas e sistema de seguridade no uso de escadas e en traballos en altura, como parte da oferta formativa da Escola Galega de Administración Pública (EGAP) que ten como obxectivo ofrecer coñecementos, entre outros, sobre os requisitos regulamentarios, aspectos técnicos, a tipoloxía de equipos de traballo e medios de protección que permitan planificar e abordar, cos niveis de seguridade adecuados, os traballos temporais en altura.