Luns, Abril 22, 2013
A Xunta colabora no Salón da Prevención e Seguridade Laboral que acollerá Expourense esta semana
- O delegado territorial da Xunta en Ourense participou na presentación deste certame dedicado ao fomento da cultura preventiva
- Esta edición inclúe como novidade obradoiros sobre a prevención de riscos no sector agrogandeiro e forestal
- En Galicia en 2012 rexistráronse un total de 23.668 accidentes laborais, un 24% menos respecto ao ano anterior
Ourense, 22 de abril de 2013.- O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou esta mañá na rolda de prensa de presentación da oitava edición de Previsel, o Salón de Prevención e Seguridade Laboral, que acollerá Expourense os días 25 e 26 de abril. O obxectivo deste certame é fomentar a cultura preventiva non só entre os profesionais senón entre toda a sociedade en xeral.
Unha das novidades desta edición serán os obradoiros sobre a prevención de riscos no sector agrogandeiro e forestal organizados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e que están dirixidos aos cooperativistas e traballadores do sector primario das zonas rurais galegas.
Rogelio Martínez explicou que “a prevención é cousa de todos, atinxe a tódolos ámbitos da sociedade. Administración, patronal e sindicatos debemos seguir traballando para baixar os datos de sinistralidade”. Galicia rexistrou en 2012 un total de 23.668 accidentes en xornada laboral, 7.473 menos que en 2011, o que reflicte un descenso do 24 por cento.
Previsel é un salón organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais.