Venres, Febreiro 28, 2020
A Xunta celebra en Redondela unha xornada técnica na que os participantes poden probar o simulador de carpintería de madeira 4.0
- Ten lugar no centro Issga e diríxese tanto a institucións educativas como empresas, traballadores e profesionais da prevención
- Os participantes poden realizar unha proba virtual co simulador e recrear diferentes escenarios coas condicións habituais de vernizado con pistola
Redondela (Pontevedra), 28 de febreiro de 2020. A Xunta, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, celebra hoxe unha xornada técnica "Do proxecto da carpintería de madeira tradicional á industria 4.0. Implicacións en prevención de riscos laborais", que se realiza no centro pontevedrés do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) -situado en Redondela-.
Ao longo da xornada, os participantes reciben información sobre seguridade, hixiene, ergonomía e psicosocioloxía sobre o traballo en carpintería da madeira e poden realizar unha proba virtual onde se recrearán diferentes escenarios que representen as condicións habituais de vernizado con pistola, a través do simulador -unha réplica de pistola de vernizado, co seu peso e funcionalidade real-. Grazas a esta ferramenta 4.0, os asistentes evitan o risco de exposición e contaminación ambiental ao non estaren fisicamente expostos a substancias tóxicas permitindo aforrar, ademais, custos no adestramento.
Na xornada participan institucións educativas, empresas e traballadores do sector, así como profesionais da prevención en riscos laborais.