Novas

Xoves, Setembro 19, 2024

A Xunta avoga por impulsar medidas no seo do diálogo social para facer fronte ao absentismo laboral

Imaxe almorzo PRL absentismo laboral

Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2024

 

A xerente do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na apertura do almorzo empresarial PRL para reducir o absentismo laboral, organizado por Equaby Prevención. Alí, destacou que a Xunta traballa no seo do Diálogo Social en Galicia para deseñar estratexias desde a colaboración público-privada e con medidas que incidan directamente na duración das baixas, na mellora dos controis e, sobre todo, no impulso da saúde laboral.

Todo, dixo, no marco da Estratexia de seguridade e saúde no traballo de Galicia: Horizonte 2027, que fai fincapé na necesidade dunha boa xestión preventiva dos riscos laborais -entre outros- ante novas formas e escenarios de traballo. Nese contexto, a xerente do Issga aludiu a novas ferramentas como o Laboratorio de riscos psicosociais impulsado da man da Universidade de Santiago de Compostela (USC), co fin de avanzar na saúde psicosocial das persoas traballadoras nas empresas galegas e na promoción da saúde no traballo, abordando a saúde de xeito integral.