Xoves, Febreiro 14, 2019
A Xunta avoga pola colaboración entre as administracións e os axentes sociais para a mellora das condicións de traballo
- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, participou hoxe na presentación de Safety Galicia, un foro co que colabora a Consellería de Economía, Emprego e Industria para coñecer novas experiencias e intercambiar iniciativas no eido da seguridade e saúde laboral
- Toca destaca que a formación adaptada ao novo contexto tecnolóxico e á Industria 4.0 é clave na prevención de riscos laborais
- Sinala que para ter empresas saudables tamén é preciso que inclúan no seu modelo de xestión políticas vinculadas coa Responsabilidade Social Empresarial
- A Xunta, en coordinación cos axentes sociais, está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, que inclúe 163 medidas para reducir a sinistralidade e mellorar a saúde no traballo
Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2018.- A secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, avogou hoxe pola cooperación entre todos os axentes sociais e económicos para converter a Galicia nun referente na prevención de riscos laborais e, polo tanto, na promoción dunha cultura baseada na seguridade e saúde no traballo.
Toca destacou a importancia da coordinación e da colaboración para mellorar as condicións de traballo na presentación de Safety Galicia, un foro de debate, que se desenvolve na Fundación Laboral da Construción e co que colabora a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), no que se coñecerán novas experiencias e se intercambiarán iniciativas neste ámbito. O obxectivo da actuación é poder compartir visións, opinións e metodoloxías e crear unha sinerxía entre os responsables de seguridade e saúde laboral para fomentar a súa cooperación, comunicación e avaliación das últimas tendencias neste campo.
A secretaria xeral de Emprego sinalou a importancia de identificar os novos riscos derivados da transformación tecnolóxica e a Industria 4.0. co obxectivo de promover boas prácticas e hábitos saudables apuntando que o novo modelo de Industria 4.0 trae consigo novos riscos derivados da utilización de novas ferramentas e métodos e das novas formas de organización. Por iso, sinalou a importancia de promover neste ámbito unha formación adaptada ao novo modelo produtivo.
Toca, ademais, puxo en valor as políticas de prevención de riscos laborais para que o tecido empresarial galego sexa saudable, resaltando tamén a necesidade de que as empresas galegas continúen incorporando nos seus modelos de xestión medidas vinculadas á Responsabilidade Social Empresarial (RSE) para ter empresas cada vez máis saudables.
Así mesmo, agradeceu a celebración deste tipo de foros que serven de encontro para os distintos profesionais que desenvolven a súa actividade nos ámbitos da prevención de riscos laborais e da seguridade industrial e para debater factores normativos, técnicos e sociais que afectan a estas disciplinas no seu labor de servizo ás empresas e á sociedade en xeral.
Por último, a secretaria xeral de Emprego indicou que un dos retos prioritarios da Xunta é reducir a sinistralidade laboral e, neste senso, para mellorar a saúde laboral, explicou que a Xunta, en colaboración cos axentes sociais, e, a través do ISSGA, está executando a Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017/2020, que inclúe 163 medidas.
Entre os obxectivos destacan a mellora da eficiencia das institucións públicas dedicadas á prevención de riscos; promover a implicación dos interlocutores sociais e dos actores vinculados á seguridade e saúde no traballo; mellorar e facilitar o cumprimento efectivo da normativa sobre prevención, así como a súa vixilancia e control; potenciar as actuacións das administracións en materia de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico; fomentar a mellora das condicións da seguridade laboral con especial atención a sectores, empresas e colectivos que presentan maior risco; e impulsar unha formación de calidade en materia de prevención de riscos e a consolidación dunha cultura preventiva na sociedade galega.
Con esta nova Estratexia, en palabras de Toca, estase a reforzar o rol do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (Issga) no deseño, coordinación e execución das políticas públicas, ao tempo que potencia e fortalece ás institucións dedicadas á prevención.