Novas

Sábado, Xuño 19, 2021

A Xunta asesorou a 220 empresas e formou a un millar de alumnos en seguridade e saúde laboral en 2020

  • A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, vén de presidir o Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), no que se fixo balance das actuacións de 2020
  • Púxose en valor o traballo de asesoramento técnico e especializado realizado polo Instituto cara a adoptar nos centros laborais medidas preventivas fronte á covid-19
  • Nos próximos meses celebraranse xornadas técnicas sobre o impacto emocional da covid-19, a muller e a saúde laboral, a prevención da violencia laboral, a unidade covid-19 ou a redución do estrés no traballo

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 2021. A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, presidiu esta semana o Consello Reitor do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), onde se fixo balance do labor realizado por este organismo ao longo de 2020. Entre as accións que se puxeron en valor na xuntanza destacaron a formación e o traballo de asesoramento técnico e especializado que realiza o Instituto para a prevención de riscos laborais. Neste senso, o Issga asesorou ao longo de 2020 a un total de 220 empresas e formou a un millar de alumnos en seguridade e saúde laboral.

 

A formación que imparte o Issga, tanto presencial como virtual, céntrase principalmente na prevención de riscos laborais, aínda que tamén oferta xornadas técnicas con contidos especializados e dirixidos a sectores específicos. De feito, nos primeiros cinco meses de 2021 máis de 800 persoas participaron en xornadas organizadas pola Consellería de Emprego e Igualdade, a través do Issga, sobre prevención de riscos no sector agrario, o uso de novas tecnoloxías na prevención de riscos ou primeiros auxilios, entre outras materias.

Nos próximos meses están programadas xornadas sobre o impacto emocional da covid-19, a xestión de conflitos, a muller e a saúde laboral, prevención da violencia laboral, a redución do estrés no traballo ou a unidade covid-19, que se puxo en marcha para afrontar a emerxencia sanitaria na contorna laboral con dúas finalidades principais: apoiar ao tecido empresarial galego na implantación das medidas necesarias para loitar contra a pandemia e dar resposta especializada aos diferentes sectores económicos para garantir a saúde laboral nos centros de traballo. Precisamente, na reunión celebrada polo Consello Reitor do Issga, destacouse o traballo que fixo o Instituto para fortalecer o cumprimento das recomendacións sanitarias e para facilitar asesoramento técnico e especializado na adopción de medidas preventivas fronte a transmisión do coronavirus na contorna laboral. Con respecto aos cursos de prevención de riscos laborais, entre xaneiro e maio tomaron parte preto de 380 profesionais.

O obxectivo principal do Issga é promover a prevención de riscos laborais nos centros de traballo e seguir loitando contra a sinistralidade laboral. A Lei de prevención de riscos laborais establece a obriga de proporcionar aos traballadores a formación suficiente e axeitada sobre os riscos que afectan aos seus postos de traballo. Así mesmo, a lei encomenda ás administracións públicas o desenvolvemento de accións de formación, información e divulgación que contribúan, xunto aos empresarios e traballadores, ao logro dos obxectivos de mellora progresiva das condicións de traballo.

O Instituto desenvolve, ademais, outras campañas e actividades que pretenden inculcar a importancia da prevención, así como plans de asesoramento técnico de carácter sectorial a empresas e tarefas de investigación de accidentes, entre outras accións. Ao longo de 2020, o Issga investigou máis de 400 accidentes laborais e máis de 120 enfermidades profesionais.