Novas

Mércores, Novembro 10, 2021

A Xunta aposta pola investigación e a innovación aplicada á prevención de riscos laborais para loitar contra a sinistralidade no traballo

A Xunta aposta pola investigación e a innovación aplicada á prevención de riscos laborais para loitar contra a sinistralidade no traballo
  • A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación de Ruta 151, a unidade móbil de Asepeyo coa que difunde a última tecnoloxía en prevención de riscos laborais
  • Trátase dunha exposición itinerante que está a percorrer 80 localidades de España
  • O Issga destaca o traballo da Unidade de referencia da covid-19 para acompañar ás empresas na execución de medidas para garantir un espazo de traballo seguro

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2021. A xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participou hoxe na Cidade da Cultura na presentación da exposición itinerante Ruta 151, a unidade móbil coa que Asepeyo está a difundir por toda España (80 localidades) boas prácticas e a última tecnoloxía en prevención de riscos laborais. Santiago de Compostela é a segunda parada desta iniciativa que recrea un espazo laboral inmersivo con ferramentas innovadoras para axudar a reducir os accidentes no traballo e mellorar os hábitos saudables nas empresas.

Quinzá-Torroja destacou a importancia de apostar pola investigación e a innovación aplicada á prevención de riscos laborais para loitar contra a sinistralidade no traballo. Ao respecto, a xerente do Instituto sinalou o labor da Administración autonómica neste senso a través do Plan anual do Issga que, consensuado cos interlocutores sociais, inclúe accións de promoción, asesoramento técnico, investigación, información e formación, entre outros, con proxectos específicos para diferentes sectores de actividade e colectivos determinados. “O noso obxectivo é que Galicia teña empresas saudables”, engadiu. Así, no marco deste Plan, o Issga presentou recentemente unha guía de drons, realizou unhas xornadas técnicas de exoesqueletos ou participou en eventos de seguridade e prevención 4.0 “para dar resposta aos novos retos centrándonos en investigación e innovación en prevención de riscos laborais”, subliñou.

A xerente do Instituto tamén puxo en valor o traballo da Unidade de referencia da covid-19 coa que a Xunta acompaña ás empresas na execución de medidas para garantir un espazo de traballo seguro fronte á pandemia.

Para seguir loitando contra a sinistralidade laboral, a xerente do Issga destacou, ademais, a importancia da colaboración da Xunta coas entidades expertas en prevención de riscos laborais como é o caso de Asepeyo da que resaltou o seu traballo en proxectos de innovación “nun momento de especial transformación na que temos que estar atentos aos novos riscos que poidan xurdir derivados dos novos empregos”.

A través de Ruta 151 pódense coñecer ferramentas de realidade virtual, un simulador de condución, exoesqueletos, robots, drons aplicados á prevención de riscos laborais e salvamento ou unha cámara acústica para a detección de focos de ruído, que recrea atmósferas de explosión, entre outros. Trátase, en palabras de Quinzá-Torroja, de instrumentos necesarios para promover a saúde nos centros de traballo e avanzar nun concepto integral da saúde. ”É preciso que estas ferramentas innovadoras poidan chegar ao tecido empresarial para avanzar cara empresas saudables”, rematou.