Novas

Mércores, Marzo 12, 2025

A Xunta apoia a formación en prevención e seguridade nunha nova edición de ‘Previsel’

imaxe previsel
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja participaron na inauguración do 18º Salón da Prevención e Seguridade Laboral
  • O Goberno galego aposta pola cualificación e a preparación no eido das emerxencias a través da Academia Galega de Seguridade Pública e de diversos exercicios e simulacros ao longo do ano
  • Galicia conta coa Estratexia de seguridade e saúde no traballo horizonte 2027 que é froito do consenso unánime cos axentes sociais e aborda de xeito preventivo novos escenarios laborais, así como os riscos psicosociais e as enfermidades profesionais

 

Ourense, 12 de marzo de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga), Adela Quinzá-Torroja, participaron hoxe na inauguración do 18º Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), que se celebra un ano máis en Expourense co apoio da Xunta. O acto contou tamén coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.

Na súa intervención, Villanueva destacou a importancia de facilitarlle ao persoal que traballa no eido das emerxencias e a seguridade formación continuada para o desenvolvemento do seu labor coas máximas garantías para a protección. O director xeral referiuse á aposta da Xunta neste marco de acción, a través da ampla programación formativa impartida pola Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e da realización de simulacros e exercicios ao longo de todo o ano, coa implicación de diversos profesionais do sector.

Santiago Villanueva salientou a necesidade de que os traballadores manteñan actualizados os seus coñecementos, tanto desde un punto de vista teórico como práctico, sobre todo no referido á normativa e ás novas tecnoloxías, que ofrecen novos instrumentos e retos nas actuacións. Nesta liña sinalou que a Agasp ofrece neste primeiro semestre do ano medio milleiro de cursos cos que se prevé formar máis de 12.000 efectivos dos corpos de seguridade e dos efectivos de emerxencias.

No que se refire aos simulacros, lembrou que ao longo de 2024 se comprobou a efectividade dos plans de emerxencias de Protección Civil con seis exercicios, catro deles con traballos de campo e dous a través de simulacións. Permítese así que as persoas responsables coñezan e entendan mellor as súas funcións no caso dunha situación de emerxencia, especialmente cando sexa preciso activar un plan de protección civil debido á súa gravidade, ademais de facilitar a proposta de medidas correctoras para manter os plans actualizados.

Pola súa banda, a xerente do Issga destacou a traxectoria de Previsel e a importancia de contar con citas coma esta para promover unha adecuada xestión da seguridade e a saúde laboral e para difundir o que se fai en Galicia neste eido. Neste contexto lembrou que a comunidade galega conta coa Estratexia de seguridade e saúde no traballo horizonte 2027 que, entre outros aspectos, aborda de xeito preventivo novos escenarios laborais e tamén afonda na atención aos riscos psicosociais e ás enfermidades profesionais. Adela Quinzá-Torroja tamén salientou que esta folla de ruta é froito do debate e o consenso unánime cos axentes sociais -organizacións representantes de empresas e sindicatos- que ademais son colaboradores necesarios na súa execución.

Expositores da Axega e do Issga

Previsel conta un ano máis coa participación da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), a través do Grupo de Apoio Loxístico e Intervención (GALI) que desprazará ao evento a unidade de drons coa estación de carga cautiva e a nova plataforma de xestión de vídeo para o Posto de Mando Avanzado.

Ademais, o Issga dispón dun expositor no que se amosan campañas de prevención de riscos laborais en sectores como a construción, a industria, os servizos e o emprego autónomo. Tamén se impartirán xornadas ou talleres relacionados coa prevención en cuestións como a colocación de paneis solares, o uso de pantallas nas oficinas e no ámbito do sector da electricidade.