Novas

Venres, Maio 02, 2025

A Xunta achega a escolares de Primaria os conceptos de seguridade e saúde no traballo a través da Escola Galega de Prevención

Imaxe visit Escola
  • O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na visita realizada polo alumnado do 2º curso de Educación Primaria do colexio Vigo ás instalacións do centro Issga de Pontevedra

  • O alumnado visitou os espazos da Escola Galega de Prevención, unha primeira zona de equipamento e outra de documentación e actividades didácticas, onde se lles presentou o ámbito da prevención de riscos laborais, dunha forma interactiva e adaptada a súa idade

Redondela (Pontevedra), 2 de maio de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou esta mañá na visita realizada polo alumnado do 2º curso de Educación Primaria do colexio Vigo á Escola Galega de Prevención, emprazada no centro de Pontevedra do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga). Na visita, os participantes puideron achegarse a contidos relacionados ca prevención de riscos laborais (PRL), incentivando actitudes e hábitos seguros entre os escolares dun xeito ameno, didáctico e divertido.

A Escola Galega de Prevención configúrase en dous espazos diferenciados, unha primeira sala de entrada onde os rapaces e rapazas teñen que equiparse con chalecos e cascos de seguridade, preséntanse os conceptos de PRL e identifícanse os diferentes equipos de protección individual (EPI) por sectores mostrando roupas de traballo e outros accesorios. Por outra banda, atópase a zona de documentación e actividades , onde se propoñen diferentes recursos para traballar os ámbitos da PRL e os riscos asociados a idade dos rapaces e rapazas, mediante xogos multimedia e documentación, centrado en espazos recoñecidos polo alumnado como a casa, a escola e a rúa.

Pablo Fernández recalcou, unha vez máis, o compromiso prioritario que mantén o Executivo galego coa seguridade e saúde no traballo, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) e reflectido no Plan de actuación 2025, un paquete de medidas que teñen como principal obxectivo a redución da sinistralidade laboral a través da eficaz xestión preventiva nos lugares de traballo, atendendo tanto aos riscos novos e emerxentes como aos tradicionais, e acompañando tanto ás empresas como á poboación traballadora, así como facendo fincapé na formación na materia comezando polos máis novos.