Xoves, Abril 24, 2025
Xornada técnica_Webinar_A Transformación Tecnolóxica na Prevención de Riscos Laborais
Santiago de Compostela, 24 de abril de 2025
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), en colaboración coa Fraternidad Muprespa, organizou con gran acollida o webinar "A Transformación Tecnolóxica na Prevención de Riscos Laborais", unha xornada na que se analizaron os avances tecnolóxicos aplicables á prevención de riscos laborais e o seu impacto na seguridade e saúde no traballo.
Estamos inmersos na era dixital, unha época caracterizada polo avance imparable da tecnoloxía, que xera un entorno dinámico e competitivo no que é imprescindible adaptarse para "non perder o tren". Neste contexto, o tecnolóxico e o dixital convertéronse nunha cuestión estratéxica, e a transformación dixital preséntase como un factor clave para a reinvención e supervivencia das empresas, independentemente do seu tamaño ou sector de actividade.
Porén, a transformación dixital non se debe limitar unicamente ao ámbito tecnolóxico. O éxito destes procesos está fortemente ligado á vontade, capacidade e compromiso das persoas dentro dun modelo organizativo establecido, no que ademais conflúen distintas xeracións. A isto hai que engadir outro aspecto fundamental: o impacto da dixitalización nas condicións de seguridade e saúde laboral. Para obter o máximo rendemento dos avances tecnolóxicos, a súa implantación debe considerar sempre o factor humano como centro da transformación dixital. Non podemos esquecer que o principal activo de calquera organización empresarial son as persoas que a compoñen.
Este webinar, enmarcado no obxectivo 3.2.5 do Plan de Actuación do ISSGA, contou cunha ampla participación, con numerosas inscricións de profesionais do sector. Durante a sesión, os asistentes tiveron a oportunidade de coñecer as últimas innovacións tecnolóxicas aplicadas á seguridade laboral, descubrir estratexias efectivas para a prevención de riscos e comprender como estas tecnoloxías están a transformar a forma de abordar a seguridade no traballo. Ademais, presentáronse exemplos concretos do uso da tecnoloxía para garantir contornos laborais máis seguros, proporcionando un abanico de solucións que poderán ser implementadas nas empresas asistentes.
Os consultores en prevención da Fraternidad Muprespa, Javier Sánchez González e José Luis Fernández Medina, foron os encargados de impartir a sesión, na que se abordaron temas como a intelixencia artificial conversacional, a realidade virtual e aumentada, o internet das cousas e outras ferramentas innovadoras como os drones ou os exoesqueletos.
Con esta iniciativa, o ISSGA reafirma o seu compromiso coa implementación de solucións tecnolóxicas en empresas para mellorar a seguridade, a saúde e o benestar das persoas traballadoras.