Novas

Venres, Outubro 26, 2012

Xornada técnica sobre a toxicoloxía industrial no Centro do Issga de Pontevedra

Os cambios permanentes das actividades e procesos produtivos, a introdución de tecnoloxías novas e a promulgación de nova normativa fai precisa unha
actualización permanente de coñecementos no eido da prevención de riscos laborais para adecualos ao progreso tecnolóxico, científico e lexislativo.

Os principais destinatarios da xornada son os médicos especialistas en Medicina do Traballo, enfermeiros especialistas en Enfermería do Traballo, biológos, químicos, técnicos de prevención e outros profesionais interesados nas novidades que no campo do control biolóxico estanse a desenvolver ao redor da vixilancia da saúde.

Este control, recollido no parágrafo c do apartado 3 do artigo 37 do Regulamento dos servizos de prevención (Real decreto 39/1997, do 17 de xaneiro), e no apartado 3 do artigo 6 do Real decreto 374/2001 do 6 de Abril, “sobre a protección da saúde e seguridade dos traballadores contra dos riscos relacionados cos axentes químicos durante o traballo”, é unha ferramenta poderosa e clave para a prevención dos riscos laborais e das enfermidades relacionadas coa exposición a tóxicos nos lugares de traballo.

Nesta xornada preténdense dar a coñecer novos enfoques que axuden a mellorar a vixilancia da saúde dos traballadores expostos a tóxicos industriais, mediante o control biolóxico con biomarcadores de exposición e tamén con biomarcadores de efecto, que sexan quen de detectar unha exposición inapropiada a un xenobiótico, antes de que se xere un dano para o organismo.

A xornada inclúe un relatorio sobre o uso de novas tecnoloxías que permitan atopar novos marcadores de dose efectiva que avalíen a exposición ambiental total, o cal inclúe, ademais da exposición laboral, factores internos do traballador como a dieta, hábitos, etc.

Ademais, tratarase a “exposome”. As exposicións ambientais –amplamente definidas como as procedentes de fontes externas e internas- son factores importantes na saúde humana. Aínda que as enfermidades crónicas son o resultado da combinación de factores ambientais e xenéticos, os primeiros son deficientemente comprendidos en comparanza cos factores xenéticos. Esta disparidade na calidade dos datos, xerou o concepto “exposome”, que representa todos os factores ambientais (os non xenéticos) que contribúen á enfermidade procedentes de fontes externas e internas recibidas por un individuo durante toda a súa vida. A través da medición do “exposome” a nivel individual podemos asociar a enfermidade con multitude de exposicións ambientais.