Novas

Mércores, Febreiro 26, 2025

Xornada Técnica sobre Prevención de Riscos Laborais e Primeiros Auxilios no Sector Agroforestal en Ribadeo

imaxe xornada

Ribadeo, 26 de febreiro de 2025

 

O Centro de Formación e Experimentación Agraria (CFEA) Pedro Murias, situado en Vilaframil, Ribadeo (Lugo), foi o escenario dunha xornada técnica pioneira na formación sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios, dirixida ao alumnado, futuras e futuros profesionais do sector agroforestal. Esta actividade, organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), marca o inicio dun ciclo de formacións que se levarán a cabo ao longo do ano en diferentes centros de formación, en cumprimento do novo plan de actuación do ISSGA para 2025.

A xornada comezou cunha intervención sobre a Prevención de Riscos Laborais no Sector Agroforestal, na que se abordou a importancia da formación en seguridade laboral, especialmente nun sector que presenta riscos específicos. A exposición foi clara e didáctica, o que permitiu ao alumnado comprender mellor os perigos asociados á súa futura profesión e como previlos.

A continuación, ofreceuse unha sesión sobre Primeiros Auxilios: Teoría e Práctica. A parte práctica da formación foi especialmente ben recibida, xa que o alumnado participou activamente en exercicios de reanimación cardiopulmonar (RCP), o que xerou un ambiente dinámico e colaborativo. Salientouse que adquirir habilidades en primeiros auxilios non só é crucial para a súa seguridade, senón tamén para a das súa compañeiras e compañeiros na contorna laboral.

Durante a xornada, notouse un gran interese e motivación por parte do alumnado, que non dubidou en facer preguntas e participar activamente nas actividades propostas.

Obxectivo

A formación profesional é un alicerce fundamental na estratexia do ISSGA, xa que busca sensibilizar e educar ás futuras profesionais e futuros profesionais sobre a importancia de traballar de maneira segura.

Esta xornada técnica é a primeira de varias que se levarán a cabo no marco do plan anual do ISSGA, que busca promover a seguridade e saúde no traballo en Galicia. O ISSGA, como organismo autónomo adscrito á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, ten como obxectivo reducir a sinistralidade laboral mediante a implementación da Estratexia de Seguridade e Saúde no Traballo de Galicia: Horizonte 2027 (ESSTG27).