Novas

Venres, Marzo 09, 2012

Xornada técnica sobre os riscos ergonómicos no Centro ISSGA de Pontevedra

Xornada técnica sobre os riscos ergonómicos no Centro ISSGA de Pontevedra

Hoxe tivo lugar no Centro ISSGA de Pontevedra a xornada técnica “O risco ergonómico. A súa avaliación e control”, que se enmarca dentro da oferta formativa do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) para este ano 2012.

As relacións entre traballadores e o seu ambiente de traballo poden estar sometidas a diversos factores de risco ergonómico.

Aínda que a lexislación española obriga a avaliar todos os riscos existentes nas empresas, a realidade revela que os riscos ergonómicos non adoitan ser avaliados ou, se o son, adoitan realizarse de modo deficiente. Os riscos ergonómicos posúen unha metodoloxía de avaliación propia onde se debe ter en conta o ámbito físico, as esixencias da tarefa, as persoas, etc

Cómpre sinalar a singular importancia da incidencia dos sobreesforzos e o seu peso na sinistralidade, pois supoñen aproximadamente a terceira parte do total de accidentes con baixa.

Co obxecto de coñecer mellor a problemática existente nas empresas sobre a incidencia destes riscos, a súa orixe e as técnicas ergonómicas para a súa avaliación e control, realizouse esta xornada técnica, xa que é de todos coñecidos o incremento deste risco en todos os sectores.

Para iso abordáronse os seguintes aspectos.

1. Unha breve introdución aos trastornos musculoesqueléticos, datos estatísticos sobre as condicións de traballo asociado a carga física nas empresas galegas e datos estatísticos da sinistralidade laboral por sobreesforzos e das enfermidades profesionais. Outra parte centrásese en dous dos programas de redución considerados no Plan de Actividades do ISSGA: o Mapa de riscos ergonómicos de Galicia e o Programa de loita contra accidentes por sobreesforzos.

Mapa de riscos ergonómicos de Galicia. Obxectivos:

- Analizar as situacións de risco ergonómico (derivado da manipulación manual de cargas, posturas forzadas e movementos repetitivos) na poboación traballadora galega, segundo a actividade económica e incluíndo a perspectiva de xénero.
- Seleccionar anualmente os sectores, actividades e empresas a estudar.
- Valorar as avaliacións específicas realizadas polas empresas, tendo en conta tanto o seu contido como as medidas preventivas implantadas.
- Identificar as actividades onde se están presentando os TME, postos de traballo con maior risco e tipo de patoloxías máis frecuentes.
- Estimar o número de traballadores expostos, recollendo as variables de sexo, idade, antigüidade no posto e empresa.
- Comunicar ás empresas implicadas as deficiencias detectadas

Programa de loita contra accidentes por sobreesforzos:

Na maioría de comunidades autónomas véñense desenvolvendo dende hai anos plans ou programas específicos dirixidos ás empresas de alto índice de sinistralidade en relación co seu sector e cun número absoluto de accidentes por riba dun umbral.
Dada a alta porcentaxe dos accidentes producidos por sobreesforzos, continuarase este programa dirixido especificamente ao asesoramento ás empresas que teñan alta incidencia deste tipo de sinistros para reducir os seus índices. Os seus obxectivos son:

- Reducir a taxa de produción de sobreesforzos nas empresas que tivesen un elevado número ou alta tasa de accidentes por sobreesforzo no ano 2011.
- Determinar as causas destes accidentes, e optimizar a súa investigación.
- Valorar a adecuación da avaliación de riscos e planificación preventiva ás situación de risco analizadas.
- Asesorar ás empresas sobre as medidas técnicas e organizacionais máis axeitadas para a redución deste tipo de sinistros.
- Comprobar o cumprimento das recomendacións feitas nas empresas asesoradas no ano anterior.
- Depurar a selección das empresas e unificar criterios operativos.
- Elaborar unha “Guía para a identificación de riscos ergonómicos no sector de
distribución de alimentos"

2. Desenvolvemento teórico das necesidades, intervencións e limitacións nos enfoques biomecánicos avanzados e o uso de ferramentas de captura de movemento en tempo real como apoio á análise destes.

Contido:

Necesidade dunha aplicación avanzada
Intervención con aplicacións avanzadas. Métodos
Limitacións nas aplicacións avanzadas
Uso de ferramentas de análise biomecánica con captura en tempo real
Aplicacións ao deseño e ao rediseño

3º Analizar os factores de risco para a produción das lesións de costas, causas de produción, tipos máis comúns de lesións e medidas de prevención.

A Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo e sobre a base de diferentes estudos indican unhas estatísticas sobre o impacto da patoloxía dorso lumbar preocupantes. Entre o 60% e o 90% da poboación está predisposta a padecer patoloxía de costas.

A lesión de costas supón un gasto económico e social importante tanto pola lesión inicial en si mesma como pola maior vulnerabilidade a novas lesións ou recorrencias.

Determinadas profesións e sectores son máis sensibles a este tipo de lesións debido á idiosincrasia do seu traballo.

No seguinte arquivo pode descargar os relatorios que se expuxeron na xornada técncia.