Xoves, Outubro 25, 2012
Xornada técnica sobre a “Integración da prevención nos proxectos técnicos. Traballando xuntos pola prevención” nos centros do Issga de Lugo e Ourense
Estas xornadas enmárcanse dentro da programación de actividades da Semana Europea de Seguridade e Saúde no Traballo 2012 “Traballando xuntos para a prevención de riscos laborais” que organiza a Axencia Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo (EU-OSHA).
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) organizou estas dúas xornadas técnicas en Lugo o día 24 de outubro e en Ourense o día 25 de outubro para informar e asesorar a empresas, traballadores e traballadoras sobre a obrigatoriedade de integrar a actividade preventiva da empresa no sistema xeral de xestión, comprendendo tanto os procesos técnicos como a organización do traballo e as condicións nas que este se desenvolve.
A obrigatoriedade de integrar a actividade preventiva na empresa inclúe a todos os seus niveis xerárquicos, de tal xeito, que teñen o deber de asumir a prevención dos riscos laborais en calquera das súas actividades e en todas as decisións que eles adopten.
Unha das decisións que habitualmente se poden adoptar no seo de calquera actividade empresarial ou gobernamental é a do encargo dun proxecto técnico tanto dunha obra de construción como de instalación dun conxunto de máquinas que forman parte dun proceso industrial.
Nese senso, o promotor e os niveis xerárquicos da súa estrutura empresarial ou gobernamental, teñen a obriga de asegurarse de que dende o mesmo momento do encargo, este é asumido polos proxectistas contando coa obriga de integrar a prevención na concepción do mesmo así como no resto das fases de estudo e elaboración.
As xornadas pretenden achegar coñecementos e intercambiar puntos de vista diferentes sobre a integración da prevención dente tres dos seus mais importantes ámbitos: o sector industrial, o da obra pública e o da edificación.
Para isto contaron coas intervencións de técnicos do ISSGA, da consultora SGS TECNOS e do xestor de infraestruturas ferroviarias de ADIF.