Venres, Setembro 10, 2010
XORNADA TÉCNICA SOBRE AMIANTO NO CENTRO DO ISSGA NA CORUÑA
O vindeiro día 20 de setembro celebrarase unha xornada técnica no noso centro da Coruña centrada na correcta xestión do risco derivado da presenza de materiais con amianto nos edificios na que tamén se abordarán aspectos relacionados coa vixilancia sanitaria dos traballadores expostos ao amianto.
Lucía Ferrón Vidán, xefa de sección de Hixiene Industrial do ISSGA en Servizos Centrais e autora de diferentes publicacións do ISSGA relacionadas co amianto, comezará expoñendo a situación actual de exposición dos traballadores a este mineral.
Os aspectos relacionados coa vixilancia da saúde serán tratados pola Neumóloga Carmen Diego Roza, médica adxunta de Neumoloxía no Hospital Arquitecto Marcide de Ferrol dende maio de 2002 e na actualidade da área sanitaria de Ferrol –á que acoden máis de 6.000 traballadores que no pasado estiveron expostos ao amianto para realizaren os seus exames de saúde post-ocupacionais-, e autora de diferentes comunicacións a congresos e publicacións relacionadas co amianto.
Os aspectos técnicos centrados na identificación e o tratamento que deben ter estes materiais serán desenvolvidos polos seguintes relatores expertos nesta materia:
- Gonzalo Zufía Alvarez: ademais de persoal directivo da empresa IGR S.A., especializada na retirada e eliminación de materiais que conteñen amianto, entre outros méritos é inspector de Amianto, pola British Occupational Hygiene Society, e na actualidade é presidente do Grupo de Trabajo Amianto de la Comisión Nacional de Seguridad y Salud en el Trabajo del Ministerio de Trabajo e Inmigración.
- Joan de Monserrat Vallvé: director da “Unidad de Análisis por Imagen do Laboratorio de análisis Dr. Echevarne”. Técnico certificado de diagnóstico de amianto en edificios segundo a lexislación francesa. Coautor de Notas Técnicas de Prevención publicadas polo Instituto Nacional de Seguridad e Higiene en el Trabajo (INSHT) relacionadas coa identificación de amianto.
- Asunción Freixa Blanxart: responsable dos laboratorios de química xeral e microscopia óptica da “Unidad Técnica de análisis ambientales y biológicos” do Centro Nacional de Condiciones de Trabajo de Barcelona do INSHT. Autora de diferentes comunicacións a congresos, de numerosos artigos en revistas científicas e de varias Notas Técnicas de Prevención referentes ao amianto. Formou parte do equipo que redactou a guía técnica de amianto do INSHT. Participou ademais como técnica experta en proxectos da Unión Europea centrados na análise de fibras en materiais.