Novas

Venres, Setembro 05, 2025

Xornada técnica no obradoiro de emprego Vía Küning VI en Becerreá

imaxe becerreá

Becerreá, 5 de setembro de 2025

O ISSGA impartiu unha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais e primeiros auxilios no obradoiro de emprego Vía Küning VI, promovido polo Concello de Becerreá e no que colaboran os concellos de Baralla e As Nogais.

A actividade enmárcase no Plan de actuación 2025 do ISSGA, concretamente no eixe 5.3: Concienciación e sensibilización da sociedade galega en seguridade e saúde no traballo.

O obradoiro Vía Küning VI, que imparte o certificado de profesionalidade en colocación de pedra natural, constitúe un espazo idóneo para introducir a cultura preventiva desde a etapa formativa.

Os obradoiros de emprego, promovidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, representan un instrumento fundamental para a mellora da empregabilidade das persoas en situación de desemprego, ao combinar formación e traballo real en actividades de utilidade pública ou interese social. Para o ISSGA, estes programas constitúen un escenario privilexiado para introducir a cultura preventiva, xa que permiten achegar os contidos de seguridade e saúde directamente ás persoas que se están a formar nunha ocupación concreta.

Con este tipo de xornadas, o ISSGA busca mellorar a información, sensibilización e formación en prevención, introducindo a aprendizaxe do traballo seguro como parte esencial da capacitación profesional. Se o alumnado aprende a traballar con seguridade, incorporará este coñecemento ao longo de toda a súa traxectoria laboral.

Deste xeito, avánzase na integración da PRL no proceso formativo e na aplicación práctica das medidas preventivas vinculadas á actividade profesional.