Novas

Mércores, Outubro 26, 2011

Xornada técnica en Lugo sobre equipos a presión con motivo da Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo

Xornada técnica en Lugo sobre equipos a presión con motivo da Semana Europea da Seguridade e a Saúde no Traballo

O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, organizou onte en Lugo a xornada técnica ”Equipos a presión. Condicións de seguridade industrial e laboral. Marco normativo. Caldeiras”, na que participaron 101 persoas.

A devandita xornada técnica enmárcase dentro da Semana Europea de Seguridade e Saúde no Traballo que este ano se celebra entre o 24 e o 28 de outubro e que ten como centro de atención a promoción do mantemento seguro para eliminar os riscos do lugar de traballo e para ofrecer condicións máis seguras e saudables.

A xefa do Centro do ISSGA en Lugo, Nieves Novo Lodeiro, presentou esta actividade formativa na que, Ana Fraga Prado, a xefa de sección de seguridade en industria e construción do dito centro, comentou os riscos para a seguridade e saúde dos traballadores nas actividades de mantemento co fin de impulsar e promover a necesidade de levar a cabo esta actividade de forma segura e de sensibilizar aos empresarios e aos traballadores sobre as responsabilidades legais derivadas.

A continuación Fernando Barrera Nadela, técnico de prevención de riscos laborais e especialista de referencia en equipos a presión de FREMAP MUTUA analizou en profundidade as condicións de seguridade dende un enfoque preventivo, para as caldeiras e instalacións anexas.

Francisco Javier Mosquera Casares, responsable técnico de aparatos a presión de Galicia de ATISAE, falou das particularidades das inspeccións de seguridade industrial aportando uns exemplos moi significativos de defectos nestes equipos.

E por último; Iván Alonso Jáudenes, director de compras e loxística, e Juan Francisco Piñeiro, responsable de mantemento industrial da empresa invitada Conservas Antonio Alonso S.A., expuxeron os aspectos prácticos do mantemento preventivo nas súas instalacións de caldeiras e autoclaves dende unha experiencia acumulada de máis de 100 anos na fabricación de conservas.

A xornada foi clausurada pola directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja García.

Mantemento

O mantemento defínese como o «conxunto de todas as accións técnicas, administrativas e de xestión realizadas durante o ciclo de vida dun ben destinadas a conservalo ou a restablecer o dito estado, protexéndoo de fallos ou deterioramentos».

O mantemento é fundamental para garantir a produtividade continua, para fabricar produtos de gran calidade e para manter a competitividade da empresa pero tamén inflúe na seguridade e saúde dos traballadores.

As actividades de mantemento poden prexudicar aos traballadores de tres xeitos principalmente:

-Accidentes ou lesións durante as propias tarefas de mantemento.
-Un mantemento deficiente pode ocasionar problemas de seguridade e accidentes graves.
-Unha falta de mantemento non só reduce a vida útil de equipos, instalacións e edificios, senón que ademais pode ser orixe de accidentes.

Cómpre lembrar as cinco normas básicas para un mantemento seguro que pasan por planificar, asegurar a área de traballo, usar o equipamento adecuado, seguir fielmente a planificación, e o control final.