Mércores, Outubro 31, 2012
Visita á Escola Galega de Prevención de Riscos Laborais do Centro do ISSGA de Lugo
O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) trasladou a Escola Galega de Prevención ata Lugo, para achegala aos nenos e nenas lucenses. Con esta escola preténdese incentivar actitudes e hábitos seguros entre os escolares de primaria dunha maneira divertida.
Deste xeito, actuando nas distintas etapas educativas, incúlcanse condutas seguras e saudables nunha liña de anticipación aos riscos laborais aos que os futuros empresarios e traballadores terán que enfrontarse.
Neste caso contouse coa colaboración de Eon Begasa e coa implicación e complicidade dos pais dos rapaces para acadar o obxectivo de implantar unha cultura preventiva dende idades temperás e promover medidas preventivas de riscos asociados á vida diaria dos rapaces (na casa, na escola, na rúa..) e aos riscos laborais da súa contorna.
Un grupo de 12 rapaces con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos, que son fillos de empregados da empresa colaboradora achegáronse o día 30 de outubro para coñecer de primeira man o funcionamento da Escola de Prevención e introducirse nos conceptos básicos e contidos da prevención de riscos ligados á realidade dos nenos e nenas.
A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información estrutúrase en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.
Na zona de equipamento, os rapaces equipáronse con cascos e chalecos e fixéronse unha foto que posteriormente pode baixarse da páxina web. Hai catro grandes paneis informativos con mensaxes claras e directas.
Na zona audiovisual proxectouse un vídeo sobre a prevención de riscos e interactuouse con eles sobre o seu contido. Na mesma expóñense diferentes imaxes representativas das áreas máis destacadas da exposición.
Na zona de documentación e actividades, os mozos e mozas poden consultar publicacións, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, así mesmo existe unha zona de espellos onde poden probar diferentes equipos de protección individual (EPI), así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas onde se lle lembran diferentes recomendacións que nas súas actuacións deben ter en conta.
Na web: http://escolaprevencion.xunta.es/ pode consultarse toda a información necesaria.
Ao longo deste ano 2012 xa se realizaron visitas por escolares a Escola ubicada en Lugo dende a súa posta en funcionamento o pasado 27 de marzo, cando a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, e a delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias visitaron as devanditas instalacións.
En total nos meses de abril e maio deste ano 233 rapaces visitaron a Escola do Centro do ISSGA en Lugo.