Novas

Venres, Novembro 16, 2012

Visita do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei á Escola Galega de Prevención de Riscos Laborais do ISSGA de Lugo

Data: 16 de novembro de 2012 ás 10:30 horas.

Centro educativo: CEIP Laverde Ruíz. Outeiro de Rei. Lugo.

Lugar: Escola Galega de Prevención de Riscos do Centro do ISSGA de Lugo. Ronda de Fingoi nº170 en Lugo.

A Escola de Prevención de Riscos Laborais, que o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) trasladou este ano ata Lugo para achegala os nenos e nenas lucenses, recibiu a visita de 35 escolares de 3º e 4º de primaria do CEIP Laverde Ruiz de Outeiro de Rei, que se achegaron hoxe xunto cos seus mestres para coñecer este espazo educativo e introducirse nos conceptos básicos e nos contidos inmediatos da prevención de riscos, co obxectivo de incentivar actitudes e hábitos seguros dun xeito didáctico, ameno e divertido, e para que asuman o valor da prevención dos riscos laborais como futuros traballadores.

A actividade principal da escola desenvólvese nun espazo dividido en tres zonas diferenciadas por cores: equipamento (verde), audiovisual (amarelo) e documentación e actividades (vermello). En todas elas a información se estrutura en catro grandes bloques temáticos: na casa, na rúa, na escola e no fogar.

Na zona de equipamento equipáronse con cascos e chalecos e fixéronse unha foto que posteriormente poderá baixarse da páxina web da Escola. Na zona audiovisual proxectouse un vídeo vencellado á prevención de riscos e interactuouse con eles sobre o seu contido. Por último, na zona de documentación e actividades, puideron consultar publicacións, pasatempos e cómics relacionados coa prevención, acceder a través dos equipos informáticos a diversos recursos web, aprender a través de diferentes escenarios a distinguir accións correctas e incorrectas, probar diferentes equipos de protección individual na zona de espellos coma por exemplo cascos, gafas, luvas, arneses de seguridade, etc., así como diversos xogos de imáns e cubos relacionados con diferentes profesións e varios paneis e lonas con recomendacións que lles permitan integrar a prevención no día a día.

Dende que se instalou a Escola de Prevención de Riscos Laborais do ISSGA en Lugo ata a data de hoxe xa son 341 os nenos e nenas lucenses que a visitaron.