Novas

Venres, Decembro 12, 2025

Visita á Aula de Risco Eléctrico

imaxe visita aula de risco eléctrico

Rande–Redondela, 12 de decembro de 2025

Hoxe, na Aula de Prevención do Risco Eléctrico do Centro ISSGA de Pontevedra, tivo lugar unha xornada formativa dirixida ao alumnado do Ciclo Medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas do IES Indalecio Pérez Tizón de Tui.

Esta visita enmárcase na aposta do ISSGA por incorporar a seguridade como un elemento esencial na formación técnica do futuro persoal profesional do sector eléctrico. Por este motivo, a través desta sesión práctica, o alumnado puido coñecer de primeira man o funcionamento da instrumentación e dos equipos dispoñibles na Aula de Risco Eléctrico, guiados por persoal técnico especializado.

A electricidade está presente na maioría dos contornos de traballo e, especialmente nas actividades de instalación, mantemento ou reparación, poden aparecer riscos graves como queimaduras ou electrocucións. Por iso, o coñecemento rigoroso e a aplicación sistemática de métodos de traballo seguros constitúen a mellor garantía para previr accidentes.

Coa visita realizada hoxe, o estudantado do IES Indalecio Pérez Tizón adquiriu coñecementos, habilidades prácticas e maior sensibilización fronte ao risco eléctrico, contribuíndo así a unha futura actividade profesional máis segura e responsable.