venres, Novembro 8, 2019

Unha xornada técnica informa sobre a PRL nos traballos de atención a persoas dependentes

Rande-Redondela, 8 de novembro de 2019. O obxecto da xornada que tivo lugar no centro ISSGA de Pontevedra sobre PRL na atención a persoas dependentes foi dar a coñecer os riscos aos que están expostos os traballadores, na súa maioría mulleres, nas tarefas de mobilización de persoas con mobilidade reducida.

A pretensión é que este persoal teña información dos dereitos xerais recoñecidos na normativa de prevención de riscos laborais e os riscos propios do sector, predominantemente ergonómicos, como son os trastornos musculoesqueléticos (TME), pero tamén biolóxicos e psicosociais.

Durante a xornada abordáronse os riscos aos que están expostos os traballadores nas diferentes tarefas de mobilización de persoas con mobilidade reducida, así como as axudas técnicas empregadas para facilitar estas labores. Propuxéronse recomendacións xerais a ter en conta para controlar ou minimizar os riscos propios do sector.

  • Axudas técnicas empregadas, especialmente as axudas menores.

  • Explicación de técnicas manuais na mobilización de persoas, baseadas en:

    • Principios básicos da mobilización de persoas

    • Método Dotte: método de manutención manual de enfermos

    • Técnicas de Kinaestetics, na mobilización de enfermos

    • Escola inglesa

Ademais, déronse a coñecer as diferentes publicacións sobre mobilización de persoas con mobilidade reducida que ten editado o Issga, nos que se aborda a prevención de trastornos musculoesqueléticos, así como os riscos biolóxicos e psicosociais.

Deste xeito, proporciónamos ferramentas que permitan ás persoas que realicen actividades relacionadas co coidado de persoas dependentes coñecer as situacións de risco do seu traballo e adoptar aquelas recomendacións preventivas que lles axuden a evitalas ou reducilas e así mellorar as súas condicións de traballo.