Venres, Abril 19, 2013
Unha xornada do ISSGA informa a máis de 100 expertos sobre o procedemento a seguir en obras sen proxecto ou de emerxencia
- A Lei de prevención de riscos laborais establece a obrigación xeral para todo empresario de xestionar a prevención, con independencia da actividade que desenvolva
- O plan de prevención de riscos laborais é a ferramenta a través da cal se integra a actividade preventiva da empresa no seu sistema xeral de xestión
- Nesta xornada informouse da necesidade de contemplar diversos aspectos para analizar a xestión preventiva
Pontevedra, 19 de abril de 2013.- Máis de 100 expertos participaron hoxe nunha xornada organizada polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, sobre obras sen proxecto ou de emerxencia.
A Lei de prevención de riscos laborais establece a obrigación xeral para todo empresario de xestionar a prevención, con independencia da actividade que desenvolva. Con relación á construción, existe unha sistemática de xestión preventiva en obra baseada na determinación da actividade desde o momento da redacción do proxecto de execución.
Ante a imposibilidade de poñela en práctica cando non existe proxecto, é necesario habilitar un modo alternativo de cumprir a esixencia legal. Nestes casos, o plan de prevención de riscos laborais é a ferramenta a través da cal se integra a actividade preventiva da empresa no seu sistema xeral de xestión e se establece a súa política de prevención de riscos laborais, sendo os instrumentos esenciais para a xestión e aplicación do plan de prevención de riscos laborais, a avaliación de riscos e a planificación da actividade preventiva.
Nesta xornada informouse da necesidade de contemplar diversos aspectos para analizar a xestión preventiva, tales como concretar os procedementos de traballo antes do inicio da actividade e definir os recursos preventivos do contratista, adaptar a avaliación de riscos á obra, a coordinación de actividades empresariais e efectuar un seguimento da xestión preventiva.