Luns, Marzo 18, 2013
Unha xornada do ISSGA en Pontevedra asesora sobre as responsabilidades administrativas, civís e penais da sinistralidade
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, clausurou esta actividade no centro de Rande.
• Lembrou que a Consellería de Traballo e Benestar e o Ministerio Fiscal colaboran na investigación rápida e eficaz dos sinistros laborais.
O centro do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) de Rande, en Pontevedra acolleu o venres 15 de marzo a xornada ‘As responsabilidades en prevención de riscos laborais: administrativas, civís e penais’. A directora do organismo, Adela Quinzá Torroja, clausurou esta iniciativa, onde destacou que a Consellería de Traballo e Benestar presta asesoramento técnico nas diferentes disciplinas preventivas á Inspección de Traballo e Seguridade Social.
Quinzá-Torroja sinalou que a Xunta atende en canto se produce un accidente laboral os requirimentos feitos pola autoridade xudicial e colabora coa Fiscalía en virtude dun protocolo de coordinación para que as investigacións sexan na medida do posible rápidas e eficaces, así como na execución efectiva das sentenzas condenatorias. “Trátase de investigar a requirimento e con presteza os accidentes que puideran dar lugar á esixencia de responsabilidades penais”, apuntou.
Nos accidentes laborais existen tres tipos de responsabilidades: administrativas, civís e penais.
As sancións administrativas previstas son principalmente de carácter económico e cando concorran circunstancias de excepcional gravidade cabe, así mesmo, a sanción consistente na suspensión das actividades laborais por un tempo determinado ou, incluso, o peche do centro de traballo.
Das responsabilidades penais derívanse consecuencias indemnizatorias ou de resarcimento ás vítimas e das civís indemnizacións polos danos sufridos polo traballador. A finalidade, neste caso, é resarcir ou compensar o dano e é compatible coas anteriores.
Os tres tipos de responsabilidades foron analizados na xornada polos relatores que participaron na xornada técnica, especialistas todos eles nos distintos ámbitos e cuxa actividade laboral está directamente relacionada coa prevención de riscos laborais.
Na xornada tomaron parte Anabel Mariño Baamonde, inspectora de Traballo e Seguridade Social e Xefa da Unidade Especializada de Seguridade e Saúde Laboral de Pontevedra, quen presentou o tema das responsabilidades administrativas no ámbito da prevención de riscos laborais e do protocolo de coordinación entre a Consellería de Traballo e a Fiscalía de Galicia.
Germán Serrano, maxistrado do Xulgado Social número 2 de Vigo e xuíz decano de Vigo, falou das responsabilidades civís e do recargo de prestacións ao empresario por incumprimento na normativa de prevención de riscos laborais.
E, por último, Marta Durantez Gil, fiscal delegada de sinistralidade laboral da Fiscalía de Pontevedra, abordou as responsabilidades penais derivadas da prevención de riscos laborais.