Venres, Abril 27, 2012
Unha ferramenta na que colabora o Issga permite investigar os riscos para á saúde que poden ter as diferentes ocupacións
O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inauguraron hoxe unha xornada na Coruña con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebrará mañá sábado.
A matriz emprego-exposición é unha ferramenta que permite relacionar as diferentes ocupacións cos riscos potencialmente presentes en cada unha delas.
Quinzá-Torroja indicou que se trata dunha iniciativa “eficiente e útil” para a investigación de asociacións entre exposicións laborais e problemas de saúde nos estudos epidemiolóxicos de base poboacional.
O ISSGA puxo en marcha diversas ferramentas relativas á saúde laboral, como a guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro, o mapa de risco ergonómico de Galicia, o mapa de enfermedades profesionais, ou os estudos epidemiolóxicos para o sector da pizarra, mariscadoras e redeiras.
A Coruña, 27 de abril de 2011.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, contribúe á investigación en materia de saúde laboral, no marco da Estratexia Española de Seguridade e Saúde Laboral, con ferramentas como a matriz de emprego-exposición española (MATEMESP).
O director xeral de Relacións Laborais, Odilo Martiñá, e a directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inauguraron hoxe unha xornada na Coruña sobre ‘A investigación en saúde laboral: matrices de emprego-exposición’, con motivo do Día Mundial da Seguridade e Saúde no Traballo, que se celebrará mañá sábado.
A matriz emprego-exposición é unha ferramenta que permite relacionar as diferentes ocupacións cos riscos potencialmente presentes en cada unha delas. Así, a mesma proporciona información sobre as exposicións laborais para cada ocupación e sobre as ocupacións expostas a cada axente.
Esta ferramenta ten diversas aplicacións, como a investigación a través de estudos sobre grupos ocupacionais e epidemiolóxicos sobre asociacións entre exposicións laborais e indicadores de saúde; xestión e planificación, para a priorización de políticas preventivas a nivel nacional e autonómico, adecuación das avaliacións e dos recoñecementos, ou de políticas preventivas, entre outras.
Así mesmo, esta matriz permitirá describir os perfís de exposición a axentes hixiénicos, de seguridade, ergonómicos e psicosociais, así como as condicións de emprego nas distintas ocupacións da poboación traballadora de España.
Na súa intervención, Adela Quinzá-Torroja indicou que se trata dunha iniciativa “eficiente e útil” para a investigación de asociacións entre exposicións laborais e problemas de saúde nos estudos epidemiolóxicos de base poboacional. “De feito, un dos primeiros campos de aplicación das matrices foi o da identificación de carcinóxeno de orixe e utilizáronse para a investigación epidemiolóxica en saúde laboral”, indicou. Esta ferramenta é de interese tamén no campo da xestión, vixilancia e intervención en materia de saúde e seguridade no traballo.
A investigación en seguridade e saúde laboral converteuse nos últimos anos “nun elemento imprescindible en calquera política científica, e nun compoñente fundamental para calquera sistema sanitario”, pois impulsa a prevención dos accidentes laborais e a mellora no diagnóstico de enfermidades e patoloxías relacionadas co ambiente laboral, permitindo así unha maior seguridade na utilización dos recursos de saúde e na prevención destes problemas nos traballadores.
Plan Estratéxico
O ‘Plan estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014’, incluído nos acordos das mesas do diálogo social, márcase como obxectivo mellorar o nivel do coñecemento, análise e investigación en materia de seguridade e saúde laboral.
Este aspecto ten espazo na ‘Estratexia Española de Seguridade e Saúde Laboral 2007-2012’ cando aborda a necesidade de perfeccionar os sistemas de información e investigación en materia de seguridade e saúde no traballo e a necesidade de reforzar as institucións dedicadas á prevención de riscos laborais.
Neste contexto, a creación da Rede de Institutos e Centros de Investigación en Seguridade e Saúde no Traballo (RICISST), da que forma parte o ISSGA, supuxo un primeiro paso na estruturación e normalización da investigación neste ámbito, sentando as bases para a súa evolución.
Doutra banda, compre salientar que o ISSGA puxo en marcha diversas ferramentas relativas á saúde laboral, como a guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro, o mapa de risco ergonómico de Galicia, o mapa de enfermedades profesionais, ou os estudos epidemiolóxicos para o sector da pizarra, mariscadoras e redeiras.