Novas

Domingo, Decembro 23, 2018

Unha campaña da Xunta está a fomentar a prevención de riscos laborais en 52 centros de formación profesional de Galicia

  • O obxectivo do programa é concienciar sobre a importancia da seguridade e saúde laboral porque se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional
  • A iniciativa desenvólvese na actualidade na provincia da Coruña, onde ata o mes de xaneiro visitaranse 12 centros nos que se impartirán 38 sesións

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2018. A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), en colaboración coa Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional e co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST), está a desenvolver un programa de sensibilización en prevención de riscos laborais coa realización de 121 visitas aos centros de formación profesional de Galicia.

Ata o de agora, a través desta campaña, visitáronse 16 centros da provincia de Pontevedra, 14 de Lugo e 10 de Ourense e, na actualidade, estase a desenvolver o programa na provincia da Coruña, onde ata o próximo mes de xaneiro visitaranse 12 centros, onde se impartirán 38 sesións. En Pontevedra leváronse a cabo 36 sesións; en Lugo, 28; e en Ourense, 19.

O obxectivo principal desta iniciativa é a formación e sensibilización do alumnado galego en materia de prevención de riscos laborais, fomentando e concienciando sobre a importancia da seguridade e saúde laboral para conseguir unha autentica cultura preventiva e potenciando a formación como instrumento de mellora.

As visitas se realizan por persoal técnico de nivel superior en prevención de riscos laborais, con cualificación e experiencia acreditadas, que durante dúas horas centra a súa presentación nunha explicación didáctica sobre a importancia da prevención de riscos laborais no desenvolvemento profesional destes futuros profesionais, así como na sensibilización sobre os riscos específicos e medidas preventivas da súa correspondente familia profesional.

Entre as funcións propias do ISSGA está a de colaborar coa autoridade educativa para implantar en todos os ciclos e niveis formativos programas educativos sobre a prevención de riscos laborais. Cómpre, polo tanto, desenvolver actuacións que introduzan ao profesorado e ao alumnado de formación profesional na aprendizaxe do traballo seguro. Se un alumno aprende a traballar seguro incorporará este coñecemento no seu futuro profesional, evitando a adquisición de malos hábitos profesionais.

Ademais deste iniciativa, desde o ISSGA realízanse visitas aos centros de formación profesional de Galicia para fomentar e concienciar sobre a importancia da seguridade e a saúde no traballo, se elabora e actualiza, en colaboración co INSST, material didáctico sobre seguridade e saúde laboral relacionado coas ocupacións e as profesións das distintas ramas de formación profesional destinado ao profesorado e ao alumnado desta etapa educativa, e mesmo se promoven visitas do alumnado e profesorado de formación profesional aos centros territoriais do ISSGA, co fin de coñecer o seu funcionamento nas distintas disciplinas preventivas.

Estas accións formativas para o alumnado de formación profesional se unen a outras actuacións que leva adiante o ISSGA en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o resto de escolares galegos como é, por exemplo, o programa da Escola Galega de Prevención.