xoves, Novembro 10, 2022

Una ano máis o alumnado do Máster en Xestión e Dirección Laboral e de Grado recibe formación sobre o traballo do ISSGA

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022. O carácter técnico científico do ISSGA fai que manteña unha constante e continua relación co ámbito universitario, especialmente coas universidades públicas galegas. Dando continuidade á colaboración que temos coa USC un ano máis a xerente, Adela Quinzá-Torroja García, e a subdirectora xeral Técnica e de Planificación, Encarna Sousa Rodríguez, acudiron hoxe á Facultade de Relacións Laborais para dar a coñecer ao alumnado do Máster en Xestión e Dirección Laboral e de Grado a labor que leva a cabo o Instituto para a promoción da prevención, a mellora da xestión e a redución da sinistralidade laboral.

O máster, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, conta coa participación das tres universidades galegas e, a través dun enfoque eminentemente práctico, pretende ofrecer ao seu alumnado unha formación integral, preparando a profesionais de alto nivel no eido da auditoría sociolaboral, dirección laboral e xestión dos recursos humanos na empresa.

Nos seus relatorios presentaron a situación actual das estratexias de seguridade e saúde no traballo: o xa publicado marco europeo para o período 2021-2027, que se centra en tres obxectivos claves que son anticipar e xestionar o cambio do mundo do traballo, mellorar a prevención de accidentes e enfermidades no lugar de traballo e aumentar a preparación fronte a posibles futuras crises sanitarias, a actual negociación da estratexia española e a vindeira estratexia galega para o 2023.

A continuación, fixeron un percorrido polos eixes do plan anual de actuación explicando o traballo da Comisión para a integración da igualdade nas políticas de PRL, do laboratorio de referencia de hixiene analítica e do Observatorio Galego de Condicións de Traballo. Destacaron as actuacións de persoal técnico na investigación de accidentes e enfermidades profesionais e o traballo de seguimento e control realizado polo persoal habilitado. Tamén presentaron os programas, as campañas e a oferta formativa por sectores, por riscos ou por colectivos utilizando como apoio os materiais e o contido a da páxina web do ISSGA.

Dende o ISSGA agradecemos a Silvia Fernández, Bárbara Torres e a todo o alumnado o interese mostrado polo noso traballo e esperamos que esta colaboración coa Universidad de Santiago de Compostela continúe e se impulse no futuro.