Novas

Venres, Xuño 06, 2014

Un total de 180 empresas participaron na elaboración do mapa de risco químico do ISSGA no que se rexistraron máis de 8.200 produtos

Un total de 180 empresas participaron na elaboración do mapa de risco químico do ISSGA no que se rexistraron máis de 8.200 produtos
  • A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe unha xornada en Pontevedra na que se presentou este mapa no que participaron empresas de diferentes sectores industriais de Galicia
  • O Instituto informou das conclusións ás empresas, que se complementará coa elaboración dun documento informativo, dirixido aos traballadores e ás traballadoras do sector industrial, sobre aqueles aspectos básicos que deben coñecer para o control do risco químico no seu posto de traballo
  • O ISSGA buscará outras actividades profesionais noutros sectores, como por exemplo o agro, para seguir revisando os produtos que usan e como o usan para seguir a facer recomendacións

Pontevedra, 6 de xuño de 2014.- Un total de 180 empresas participaron na elaboración do Mapa de risco químico de Galicia do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), que abranguían preto de 32.000 traballadores. A dita ferramenta, que ten por obxectivo mellorar a información que existe sobre a exposición laboral a axentes químicos, supuxo o rexistro de máis de 8.200 produtos e a revisión de preto de 7.800 fichas de datos de seguridade.

A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, inaugurou hoxe unha xornada en Pontevedra na que se presentou este mapa no que participaron empresas dos sectores da industria da madeira, industria química, plásticos e artes gráficas, fabricación de produtos minerais non metálicos, industria do metal en xeral, industria naval e da automoción, limpeza industrial e de edificios e tratamento de residuos e depuración de augas.

Segundo explicou a directora, para a elaboración, obtívose nun primeiro momento información sobre os produtos químicos presentes nas empresas e o grado de coñecemento e de control destes, para despois asesoralas sobre a correcta identificación e avaliación do risco químico.

Púxose unha especial atención aos produtos que poderían ser potencialmente canceríxenos e outros produtos que se deben controlar especialmente nos lugares de traballo. Púxose tamén especial atención á revisión da información contida nas fichas de datos de seguridade, documento con información fundamental para avaliar o risco.

A análise permitiu ao ISSGA afirmar que existen certas deficiencias na identificación dos perigos, necesario e primeiro paso para unha correcta avaliación de riscos, o que apunta á necesidade de elaborar un mapa de riscos químico. Ditas conclusións remitíronse ás empresas participantes.

Elaboración dun documento informativo
A responsable do ISSGA engadiu que estas actuacións de asesoramento vanse complementar coa elaboración dun documento informativo, dirixido aos traballadores e ás traballadoras do sector industrial, sobre aqueles aspectos básicos que deben coñecer para o control do risco químico no seu posto de traballo.

Polo tanto, o ISSGA xa enviou un informe individual con deficiencias e unha proposta de recomendacións a cada unha das empresas que participaron neste estudo e, a partir de agora, farase o documento informativo para pemes e traballadores, onde se recollan os puntos fundamentais para garantir que todos coñezan nunha primeira fase a información básica. Posteriormente, o ISSGA vixiará se as empresas van cumprindo as recomendacións propostas.

Ademais, xa se está a contactar cos servizos de prevención alleos das pequenas empresas e cos servizos de prevención propios das grandes empresas, que son os que asesoran a estas firmas en prevención e hixiene industrial, para que asuman as recomendacións enviadas nos informes.

Por último, é preciso destacar que o ISSGA buscará outras actividades profesionais noutros sectores, como por exemplo o agro, para seguir revisando os produtos que usan e como os usan para seguir a facer recomendacións.