Novas

Martes, Novembro 09, 2010

Un técnico do ISSGA participou no curso internacional Seguridade e Saúde no Traballo, celebrado en México

O técnico de Formación do ISSGA, José Antonio González Lago, asistiu do 25 ao 29 de outubro ao Curso sobre Seguridade e Saúde Laboral, celebrado en México, organizado polo Centro Interamericano de Estudos da Seguridade Social, CIESS. A participación do experto do ISSGA neste curso internacional foi posible tras resultar seleccionado pola Dirección Xeral de Relacións Sociais Internacionais do Ministerio de Traballo, na súa convocatoria de proxectos deste ano.

Os asistentes, na súa meirande parte funcionarios de alta dirección, con responsabilidades na planificación e execución de sistemas de xestión de riscos profesionais, procedían de diferentes países de América. González Lago tivo a oportunidade de participar xunto a eles en diversos debates, así como celebrar reunións de asesoramento sobre a lexislación e os enfoques de prevención aplicados en Galicia.

Asemade, durante a súa estadía en México, o representante do ISSGA mantivo encontros co conselleiro Laboral da Embaixada Española en México, co director do CIESS, co coordinador de Saúde no Traballo da Universidade Nacional Autónoma de México, co Departamento de Politicas de Saúde e Segurança Ocupacional de Brasil, coa Obra Social do Personal Rural e Estibadores de Arxentina e coa subdirectora Nacional de Seguridade e Saúde Ocupacional de Panamá.