xoves, Novembro 10, 2022

Un novo webinario forma 300 persoas na prevención e detección do estrés no traballo

  • A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, abriu a xornada na que destacou o incremento do estrés polas novas formas de organización do traballo
  • A actividade de hoxe afondou nas consecuencias e na productividade deste problema de saúde laboral, o máis frecuente tras os trastornos musculoesqueléticos

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2022. A directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, participou hoxe na apertura do webinario Xestión do estrés que impartiu hoxe o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (Issga) para 300 persoas inscritas.

Na xornada técnica, realizada en colaboración con Mc Mutual, abordáronse, entre outros temas, as causas específicas do estrés no traballo, como detectalo e o artellamento de estratexias organizativas e individuais para facerlle fronte e previr os seus posibles efectos na saúde.

A directora xeral afirmou que o estrés laboral é unha das principais consecuencias da exposición a riscos psicosociais entre as persoas traballadoras. “Trátase dun problema colectivo que pode afectar a todos os traballadores, de todas as categorías ou profesións” informou a directora xeral. Ten efectos, tal e como detallou, sobre a saúde, tanto física como mental, e tamén afecta ao desenvolvemento do traballo, incidindo no absentismo, no rendemento e na produtividade.

Para a Organización Internacional do Traballo (OIT), o estrés é a resposta física e emocional a un dano causado por un desequilibrio entre as esixencias percibidas e os recursos e capacidades percibidos dun individuo para facer fronte a esas esixencias.

“O estrés laboral sempre estivo presente no traballo, con todo está a incrementar a súa intensidade e incidencia debido ás novas formas de organización do traballo e de relacións sociolaborais”, especificou Mancha, quen lembrou que segundo datos de Eurostat, o estrés é o segundo problema de saúde máis frecuente entre os traballadores tras os trastornos musculoesqueléticos.

Tamén para a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo os riscos psicosociais e o estrés laboral atópanse entre os problemas que máis dificultades expoñen no ámbito da seguridade e a saúde no traballo.

A xornada de hoxe estivo dirixida a técnicos e responsables de prevención de riscos laborais, empresariado, xestores de equipos e outros profesionais relacionados coa prevención de riscos laborais e á cidadanía en xeral, e contou con 200 inscricións.

Trátase da duodécima actividade formativa das trece previstas este ano polo Issga, das que unha meirande parte estiveron relacionadas cos riscos de caráter psicosocial.