Luns, Abril 02, 2012
Un cento de empresas participarán nunha campaña do ISSGA para elaborar o mapa de riscos ergonómicos de Galicia
A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe a iniciativa que se porá en marcha este mes.
O obxectivo é que a Administración autonómica coñeza, a través dun cuestionario, os datos sobre a presenza dos riscos en firmas de diferentes sectores para despois poñer en marcha as actuacións máis axeitadas.
As actividades económicas que tomarán parte nunha primeira fase son empresas dedicadas á asistencia en establecementos residenciais, servizos a edificios e actividades de xardinería, confección de pezas de vestir, fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques e comercio polo miúdo.
A elaboración do mapa permitirá definir dun xeito máis preciso as liñas a seguir para reducir a sinistralidade neste eido e establecer prioridades.
Santiago, 2 de abril de 2012.- A Consellería de Traballo e Benestar está a elaborar un mapa de riscos ergonómicos de Galicia co obxectivo de poder definir dun xeito máis preciso as liñas e actuacións que a Xunta debe seguir para reducir a sinistralidade neste ámbito e establecer prioridades de actuación preventiva.
Para confeccionar este mapa, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) iniciará este mes unha campaña na que participarán máis de 100 empresas. A iniciativa foi presentada hoxe pola directora deste organismo, Adela Quinzá-Torroja, quen indicou que os participantes no programa deberán cumprimentar un cuestionario co obxectivo de coñecer a presenza deste tipo de riscos nas firmas e a avaliación e as medidas preventivas que toman.
“O que pretendemos é, unha vez analizados estes datos, exercer o noso labor con coñecemento da situación e actuar preventivamente, prestando asesoramento e asistencia técnica centrada na correcta xestión dos riscos ergonómicos asociados á carga física”, explicou a directora.
O proxecto desenvolverase en varias fases, de forma que se actuará nos distintos sectores de actividade. Nunha primeira etapa, seleccionáronse 100 empresas das seguintes actividades económicas: asistencia en establecementos residenciais; servizos a edificios e actividades de xardinaría; confección de pezas de vestir; fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques; e comercio polo miúdo, agás de vehículos de motor.
Os participantes deberán descargar o cuestionario a través da páxina web do ISSGA, www.issga.es, e entregalo antes do 30 de abril. “Toda a información que se facilite terá absoluta confidencialidade e unha vez recompilada será analizada polos nosos técnicos que nalgúns casos trasladaranse aos propios centros de traballo para prestar asesoramento sobre a campaña”, indicou.
Esta iniciativa prolongarase ata o 2013 a outros sectores. O ISSGA elaborará un informe para cada empresa con conclusións sobre as medidas correctoras a implantar. O mapa estará listo o próximo ano.
A directora do ISSGA apuntou que o mapa será unha medida que complementará ao programa de asesoramento a empresas sobre riscos por sobreesforzos, que leva desenvolvendo o Instituto desde hai dous anos. De feito, lembrou que sobre este aspecto e os trastornos musculoesqueléticos fixéronse dúas campañas na Coruña e Pontevedra en colaboración coas asociacións de comercio e hostalería. “Os datos recollidos deste programa sobre sobreesforzos tamén servirán para elaborar o mapa dos riscos ergonómicos de Galicia”, precisou.
Reducir a sinistralidade
Quinzá-Torroja explicou que o obxectivo do mapa é reducir a sinistralidade producida por os riscos ergonómicos. Neste senso, apuntou que un terzo dos accidentes laborais se producen por sobreesforzos, aínda que son na maioría leves, e o 80 por cento das enfermidades profesionais veñen motivadas por estas mesmas causas.
Así, expuxo que en 2011 tiveron lugar en Galicia 10.709 sinistros por este tipo de trastornos. O sector onde máis se rexistran é no de servizos cun 48 por cento, seguidos da industria (30%) e a construción (17%). Este tipo de accidentes afectou en 2011 a un 72 por cento de homes fronte ao 28 por cento de mulleres. Con respecto ás enfermidades profesionais, concretou que existen 500 rexistradas segundo o tipo de trastorno musculoesquelético.
A directora do ISSGA destacou, así mesmo, que as situacións de risco ergonómico adoitan producirse por manipulación manuais de cargas; posturas forzadas; e movementos repetitivos.
En definitiva, Quinzá-Torroja destacou que a campaña servirá para elaborar o mapa que identificará as actividades onde se están presentando trastornos muscuoloesqueléticos, postos de traballo con maior risco e tipo de patoloxías máis frecuentes. Ademais, estimarase o número de traballadores expostos, recollendo as variables de sexo e idade.