Novas

Martes, Outubro 10, 2023

Un centenar de persoas asistiron á xornada técnica sobre lipoatrofia semicircular organizada polo ISSGA

Un centenar de persoas asistiron á xornada técnica sobre lipoatrofia semicircular organizada polo ISSGA

Santiago de Compostela, 10 de outubro de 2023. Dentro da programación formativa do ISSGA para o 2023 tivo lugar esta xornada técnica en formato webinar, realizada en colaboración con IBERMUTUA e que é a décimo terceira xornada técnica que organiza o instituto este ano.

A lipoatrofia semicircular (LS) é unha afección de carácter leve que se caracteriza pola atrofia do tecido adiposo subcutáneo en forma de semicírculos e foi descrita en dúas partes do corpo: as coxas e o antebrazo.

O coñecemento sobre esta patoloxía, asociada a ambientes de oficina e que afecta máis ás mulleres, apunta a que tanto a causa como a solución é multifactorial, relacionándose coa xeración e acumulación de cargas electrostáticas (electricidade estática), a presenza de campos electromagnéticos de baixa frecuencia, os ambientes con humidade relativa baixa e tamén cos hábitos posturais.

Nesta xornada técnica contarmos con expertos que nos expuxeron o coñecemento actual sobre a LS e as súas causas, así como as medidas preventivas que se recomenda aplicar nos postos de traballo para evitala. Hai que ter en conta que a adopción e e mantemento destas medidas, a maioría delas relacionadas cun adecuado deseño do posto de traballo, permiten niveis de curación, mellora e ausencia de novos casos moi satisfactorios.

No caso de se detectar casos de LS en edificios e contornas de oficinas, o servizo de prevención debe facer un seguimento médico e, ao mesmo tempo, unha análise das condicións de traballo para poder tomar as medidas correctoras adecuadas.

A abordaxe preventiva desta patoloxía nos recorda unha vez máis que para a prevención das enfermidades no traballo, tanto as máis benignas como as máis graves, é fundamental comezar por un bo deseño dos postos de traballo e tamén nos reforza a importancia dunha adecuada vixilancia da saúde, acorde cos riscos dos postos de traballo, que permita detectar canto antes posibles danos e identificar as súas causas para aplicar as medidas correctoras necesarias. A actuación preventiva sempre debe ser coordinada e, en concreto a prevención das enfermidades profesionais e relacionadas co traballo require a coordinación dos especialistas en Medicina do Traballo e Hixiene Industrial.

Coñecer as patoloxías que se poden dar nos diferentes ambientes laborais é o primeiro paso para poder evitalas, este webinario nos axuda a identificar esta afección ligada á ambientes de oficina, axudando deste xeito a mellorar a identificación e xestión dos riscos para acadar ambientes de traballo saudables, un dos grandes obxectivos da prevención e unha das liñas estratéxicas da recentemente aprobada “Estratexia Galega de Seguridade e Saúde no traballo: Horizonte 2027”: OE 2 liña “2.3 Incrementar a calidade das actuacións preventivas para reducir aas enfermidades profesionais e relacionadas co traballo”.