Luns, Maio 26, 2014
Un centenar de persoas asistiron a unha xornada técnica sobre as estadas tubulares no Centro Issga de Pontevedra
- Tanto durante as fases de montaxe da estada, como durante o seu uso e na fase de desmonte, adoitan presentarse situacións que poden entrañar risco de caída de altura e por tanto xerar accidentes graves ou mortais.
- Os principais riscos son as caídas a distinto nivel, o derrube da estrutura e a caída de materiais sobre persoas e/ou bens.
- Convén destacar tamén que non é suficiente que o procedemento de montaxe sexa o adecuado, senón que o material que se monta tamén ha de ser o idóneo.
As estadas tubulares apoiadas son equipos de traballo moi utilizados no sector da construción e do naval e que polos seus riscos específicos merecen especial tratamento.
Tanto durante as fases de montaxe da estada, como durante o seu uso e na fase de desmonte, adoitan presentarse situacións que poden entrañar risco de caída de altura e por tanto xerar accidentes graves ou mortais.
A maioría dos accidentes nas estadas, prodúcense por deficiencias como falta de proteccións colectivas, amarres ou escaleiras interiores e por imprevisións na súa execución (non ser proxectados previamente).
Os principais riscos son as caídas a distinto nivel, o derrube da estrutura e a caída de materiais sobre persoas e/ou bens.
O Real decreto 2177/2004, do 12 de novembro, polo que se modifica o Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, polo que se establecen as disposicións mínimas de seguridade e saúde para a utilización polos traballadores dos equipos de traballo, en materia de traballos temporais en altura, entre outras cousas establece que: “As estadas só poderán ser montadas, desmontadas ou modificadas substancialmente (….) por traballadores que recibisen unha formación adecuada e específica para as operacións previstas”. Por outra banda, introdúcense uns novos conceptos con relación á montaxe de estadas como son o de “Configuración tipo” e o de “Plan de montaxe uso e desmonte”.
Entre os obxectivos desta xornada técnica están o tratar de aclarar como debe ser a formación adecuada en montaxe e desmonte de estadas así como definir estes novos conceptos de “plan de montaxe uso e desmonte de estadas” así como o de “configuración tipo”, que permita realizar esta actividade de forma segura.
Convén destacar tamén que non é suficiente que o procedemento de montaxe sexa o adecuado, senón que o material que se monta tamén ha de ser o idóneo. Faise imprescindible que a empresa instaladora estea especializada na montaxe de estadas, e que o traballador sexa un auténtico profesional. Por último, tras a instalación da estada, o usuario deste deberá respectar a súa configuración.