Venres, Abril 26, 2013
Traballo subliña a importancia da colaboración da Xunta e os axentes sociais para reducir a sinistralidade laboral
- O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, inaugurou onte a oitava edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), que contou tamén coa presenza da directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja
- Martiñá apuntou que nos últimos catro anos o total dos accidentes rexistrados en Galicia descendeu nun 53% e, no 2012, descendeu nun 24% con respecto ao exercicio anterior
- Para a Consellería de Traballo e Benestar constitúe unha “prioridade” esta materia que tamén está presente nas mesas do diálogo social, na que un dos primeiros acordos foi o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014
- No marco desta estratexia, o ISSGA está a desenvolver o seu Plan de Actividades que, dividido en seis grupos de actuación, contempla máis de 65 programas en diferentes ámbitos
- O ISSGA instalará un stand no Salón Previsel especialmente adicado á prevención no sector agro gandeiro e forestal
Ourense.- O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, destacou a importancia da colaboración do Goberno autonómico e os axentes sociais para reducir a sinistralidade laboral.
Na inauguración da oitava edición do Salón da Prevención e Seguridade Laboral (Previsel), que tamén contou coa presenza da directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, Martiñá explicou que difundir a cultura da seguridade no traballo “é unha cuestión esencial, vital e que require da implicación de toda a sociedade”, especialmente nun tempo en que a crise económica “non debe servir de pretexto para retroceder no camiño que xa temos avanzado”.
Neste sentido, o director xeral apuntou que nos últimos catro anos o total dos accidentes rexistrados en Galicia descendeu nun 53% e, no 2012, descendeu nun 24% con respecto ao exercicio anterior.
Non obstante, o obxectivo é “reducir a cero” esas cifras polo que para a Consellería de Traballo e Benestar constitúe unha “prioridade” esta materia que tamén está presente nas mesas do diálogo social, na que un dos primeiros acordos foi o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, unha folla de ruta consensuada que aposta pola investigación aplicada para dar solución aos novos procesos produtivos e aos novos riscos.
No marco desta estratexia, o ISSGA está a desenvolver o seu Plan de Actividades que, dividido en seis grupos de actuación, contempla máis de 65 programas en diferentes ámbitos. Entre eles inclúe a sinatura de convenios coa Consellería de Sanidade para a colaboración coa autoridade sanitaria e a detección de enfermidades de carácter profesional e coa Consellería de Educación para lanzar aos escolares mensaxes de prevención.
O ISSGA instalará un stand no Salón Previsel especialmente adicado á prevención no sector agro gandeiro e forestal. Así mesmo, o Instituto levará a cabo dous obradoiros, un sobre a seguridade na maquinaria, as enfermidades profesionais e os riscos na xestión de residuos nas explotacións agrarias; e outro para presentar a colección do ISSGA: prevención fronte aos riscos nos traballos do sector agroforestal.