Luns, Marzo 18, 2013
Traballo realizou en 2012 preto de 200 actuacións a través do Plan Vixía dirixido a reducir a sinistralidade no sector do mar
• A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, clausurou en Vigo a conferencia ‘Polos dereitos do mariño’.
• Avanzou que a Xunta continuará en 2013 con este plan que mellora os hábitos laborais dos profesionais da pesca e vela polo cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.
• Os accidentes laborais no sector do mar descenderon nun 4.71 por cento o ano pasado.
• Mato destacou que este ano se elaborarán e difundirán diferentes manuais e estudos dirixidos a mellorar a cultura da prevención de riscos e da saúde laboral.
• En 2013 publicarase unha guía específica de vixilancia na saúde para a pesca de gran altura.
A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), continuará en 2013 desenvolvendo o Plan Vixía destinado a reducir os índices de sinistralidade do sector da pesca. Así o destacou o pasado venres a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, na clausura en Vigo da conferencia ‘Polos dereitos do mariño’.
Mato indicou que no ano 2012 realizáronse preto de 200 actuacións no marco deste plan, tanto de asesoramento como de seguimento e control. A través desta iniciativa, mellóranse os hábitos laborais dos profesionais do mar; aumenta o grao de coñecemento da situación sociolaboral do sector marítimo-pesqueiro; implántase unha concienciación preventiva no sector; e vélase polo cumprimento da normativa de prevención de riscos laborais.
A sinistralidade no sector pesqueiro descendeu en 2012 nun 4,71 por cento, pasando de 1.231 a 1.173 sinistros. Neste senso, a titular de Traballo apuntou que a meta final do departamento autonómico é reducir ao máximo as cifras de accidentes laborais.
Por iso, detallou que, ademais do Plan Vixia, o Goberno galego seguirá adiante este ano con outras actuacións, como a elaboración e difusión de diferentes manuais e estudos dirixidos a mellorar a cultura da prevención de riscos e da saúde laboral no sector.
Deste xeito, Mato sinalou que se continuará a desenvolver conxuntamente con Asturias, Cantabria e País Vasco unha guía específica de vixilancia na saúde para cada actividade dentro do sector. “Son manuais moi especializados dirixidos a profesionais da saúde que establecen os protocolos médicos e as probas específicas para facer fronte aos posibles riscos”, apostilou.
Ao longo do ano pasado, e, neste eido, elaborouse unha guía da pesca de baixura e do marisqueo a pé e en 2013, segundo avanzou Mato, publicaranse tres novos manuais: o de redeiras, percebeiros e pesca de gran altura.
Así mesmo, e dentro das actuacións previstas para 2013, a Xunta executará o estudo epidemiolóxico en redeiras. Entre 2011 e 2012 esta iniciativa realizouse no sector do marisqueo a pé, no que participaron preto de 1.000 traballadores. Este estudo sirve para detectar as causas das enfermidades relacionadas co traballo neste colectivo e posibilitou, ademais, a elaboración dunha guía de boas prácticas.
Formación
En materia de formación, a conselleira destacou que a próxima semana comezará o asesoramento para 56 redeiras que desexan obter un certificado de profesionalidade, un documento oficial de validez estatal que acredita os seus coñecementos e mellora as súas posibilidades no eido laboral. No ano 2012, preto de 200 redeiras recibiron de mans da Consellería estes certificados que recoñecen a súa experiencia profesional neste campo.
Ademais, a titular de Traballo resaltou que ao longo do ano pasado o departamento autonómico ofreceu 56 cursos de formación para 955 alumnos de sector marítimo-pesqueiro, nos que se investiron máis de 525.000 euros.
En definitiva, a conselleira apuntou que a mellora da calidade de vida das persoas que traballan no mar ten que ser un obxectivo prioritario para todas as institucións públicas e, deste xeito, afirmou que a Xunta seguirá a desenvolver políticas neste ámbito, subliñando que tanto no Plan Estratéxico de Prevencións de Riscos Laborais como nos Plans de actividades anuais do ISSGA a pesca está considerada como “un sector de actuación preferente”.