Mércores, Novembro 09, 2011
Traballo realiza recoñecementos médicos a máis dun millar de mariscadoras para previr enfermidades vinculadas ao seu labor
• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, avanzou hoxe os primeiros resultados dun estudo epidemiolóxico que rematará a finais deste mes.
• Os recoñecementos médicos que se están a realizar foron deseñados a medida para este sector, tendo en conta as súas especificidades.
• Na comarca de Arousa, o estudo farase entre preto de 440 mariscadoras.
• Os riscos máis comúns detectados son os relacionados con posturas ergonómicas e a carga física asociada ao traballo, en concreto, os derivados da adopción de posturas forzadas e a realización de movementos repetitivos.
• Quinzá-Torroja destacou o alto índice de participación que se está a acadar, un 29% fronte ao 10% alcanzado noutros estudos desenvolvidos con anterioridade.
• Sinalou a importancia de levar a cabo estudos epidemiolóxicos entre sectores laborais específicos co obxectivo de que as enfermidades profesionais afloren, xa que a prevención de riscos laborais se mellora e tamén as prestacións son máis vantaxosas.
A Illa de Arousa (Pontevedra), 9 de novembro de 2011.- A Consellería de Traballo e Benestar, a través do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), está a desenvolver un estudo epidemiolóxico entre máis dun millar de mariscadoras que rematará a finais deste mes. En concreto, xa se levaron a cabo 957 recoñecementos médicos específicos entre este sector co fin de detectar as causas de enfermidades relacionadas co traballo deste colectivo e, desta maneira, poder asesorarlles en medidas axeitadas de prevención. Esta iniciativa estase a desenvolver ao abeiro dun convenio asinado coa Consellería do Mar e a Federación Galega de Confrarías.
A directora do ISSGA, Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe na Illa de Arousa un avance dos resultados do estudo no que están a participar un total de 32 confrarías galegas, a meirande parte, das provincias de Pontevedra e A Coruña. Os recoñecementos médicos chegarán, en concreto, a 1.077 mariscadoras, das que 552 (un 51% do total) traballan na provincia de Pontevedra, 476 (un 44%) na Coruña e 49 (un 5%) na de Lugo. No estudo, ademais, están a tomar parte outros colectivos, como redeiras, percebeiros e traballadores de marisqueo por inmersión, aínda que en menor proporción.
Na comarca de Arousa, os recoñecementos médicos faranse a un total de 438 mariscadoras pertencentes ás confrarías da Illa de Arousa, Cambados, Carril, O Grove, Vilanova de Arousa e Vilaxoán.
Quinzá-Torroja explicou a importancia de levar a cabo este estudos epidemiolóxicos entre sectores laborais específicos co obxectivo de que as enfermidades profesionais afloren para “abordalas dunha maneira axeitada tanto desde o eido da prevención de riscos laborais como desde o ámbito das prestacións, xa que por continxencias profesionais son máis vantaxosas”. Neste sentido, apuntou que existen riscos que orixinan enfermidades que pasan por comúns cando deberían ser profesionais. “Se estiveran ben cualificadas, isto permitiría mellorar os métodos de traballo ou tempos de exposición de cada colectivo”, indicou.
Con respecto, aos recoñecementos que nestes momentos se están a desenvolver entre as mariscadoras, destacou o alto índice de participación acadado. A mostra poboacional seleccionada foi de 1.077 persoas, fundamentalmente pertencentes á actividade de marisqueo a pé, o que supón o 29,19% da poboación traballadora que se dedica a este sector. En estudos realizados con anterioridade, alcanzouse tan só o 10 por cento da participación deste colectivo.
Riscos máis comúns
A directora do ISSGA sinalou, así mesmo, que entre as mariscadoras a pé, os riscos máis comúns detectados son os relacionados con posturas ergonómicas e a carga física asociada ao traballo, concretamente, os derivados da adopción de posturas forzadas, a realización de movementos repetitivos, a manipulación, empuxe e arrastre de cargas e a exposición a axentes físicos derivados de condicións laborais adversas, como a humidade, exposición solar ou temperaturas extremas.
Desta maneira, tendo en conta estes factores, o protocolo de vixilancia da saúde para levar a cabo os recoñecementos médicos deseñouse a medida para este sector, tendo en conta as especificidades das mariscadoras a pé, os percebeiros e as redeiras.
Elaborouse unha historia clínico laboral individual, unha exploración física específica con especial atención ao sistema músculo-esquelético, probas complementarias e a elaboración dun informe médico confidencial para cada participante, realizado por un especialista en medicina de traballo con conclusións e recomendacións.
O estudo que está a facer o ISSGA realízase en colaboración co servizo de prevención mancomunado Mar Seguro, que organizou o traslado de información previo ás mariscadoras. A iniciativa que está a desenvolver o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral forma parte do Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, no que se fai unha especial referencia ao sector pesqueiro, e, en concreto, ás actividades onde a presenza da muller é maior. Este plan foi un dos primeiros acordos asinados no seo do diálogo social, en consenso coa patronal e sindicatos.
Por último, Quinzá-Torroja lembrou que no ano 2012 está prevista a publicación dunha guía de vixilancia da saúde específica para o sector do marisqueo. Será un documento similar á guía que recentemente presentou o departamento autonómico, destinada á pesca de baixura e artesanal, que se elaborou coa colaboración das comunidades autónomas de Asturias, Cantabria e País Vasco.