Novas

Mércores, Abril 09, 2014

Traballo promove que as empresas galegas sigan a apostar pola prevención de riscos laborais pese ao contexto económico

  • O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participaron en Ourense no acto de apertura de Previsel, o noveno Salón da Prevención e Seguridade Laboral
  • Martiñá destacou que o eido da prevención de riscos laborais é prioridade para o Goberno galego e isto se reflicte no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014

 

Ourense, 9 de abril de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar está a promover que as empresas galegas sigan a investir en prevención de riscos laborais pese ao contexto económico actual. Así o destacou hoxe o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá en Ourense, no acto de apertura de Previsel, o noveno Salón de Prevención e Seguridade Laboral, ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

“A crise económica non debe servir de pretexto para retroceder no camiño que xa temos avanzado”, apuntou o responsable da área autonómica, ao tempo que destacou que para o Goberno galego segue a ser prioridade o eido da prevención e, por iso, sinalou que continua a ser importante difundir a cultura da seguridade no traballo.

Para promover diferentes accións neste campo, a Consellería de Traballo e Benestar está a desenvolver o Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, unha folla de ruta consensuada que aposta pola investigación aplicada para dar solución aos novos procesos produtivos e aos novos riscos. Este documento desenvólvese a través dos plans de actividades anuais do Instituto Galego de Prevención de Riscos Laborais e Seguridade Laboral (ISSGA).

Martiñá apelou á responsabilidade das empresas galegas para seguir co esforzo de investir en seguridade laboral, xa que asegurou que este labor de concienciación se está a reflectir nos datos. O total dos sinistros laborais rexistrados en Galicia descendeu en máis dun 53 por cento nos últimos 4 anos. No ano 2013, o total de sinistros descendeu en case un 6 por cento con respecto ao ano anterior. Neste senso, é preciso lembrar a baixada nos accidentes graves con máis dun 13 por cento en Galicia, sendo este descenso na provincia de Ourense do 28 por cento. Nesta provincia, os sinistros mortais tamén baixaron en máis dun 26 por cento.

PREVISEL

O noveno Salón da Prevención e Seguridade Laboral que se está a celebrar en Ourense estes días analiza diferentes aspectos da seguridade e saúde laboral, apostando por impulsar unha auténtica conciencia e cultura preventiva. Hoxe mesmo, celebrarase, entre os diferentes actos que están a ter lugar, un obradoiro específico sobre seguridade laboral no sector das adegas, que será impartido por persoal do ISSGA.

Unha das novidades desta edición serán os dous seminarios sobre a prevención de riscos no agro galego organizados polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) e que están dirixidos aos cooperativistas e traballadores do sector primario das zonas rurais galegas. O primeiro está orientado aos profesionais que traballan nas adegas e no sector vitinícola e o segundo, máis xeralista, tratará os riscos no sector agrario e afondará na prevención de accidentes con tractores.

A edición deste ano prestará especial atención aos máis novos, xa que se organizaron distintas actividades orientadas a universitarios e estudantes de Formación Profesional co obxectivo de que se inserten no ámbito laboral cunha maior sensibilidade en materia de seguridade e saúde laboral.

Previsel é un salón organizado por Expourense co apoio da Dirección Xeral de Traballo e Economía Social da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia e do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, un organismo autónomo integrado pola Administración autonómica e por axentes sociais e empresariais.