Luns, Outubro 14, 2013
Traballo mantén a pesca como un sector prioritario no ámbito das actuacións de prevención de riscos laborais
- O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausurou hoxe en Vigo unha xornada sobre a situación da prevención de riscos laborais e seguridade no sector da pesca en Galicia
- O esforzo levado a cabo polo departamento autonómico na prevención de riscos laborais ten permitido unha redución dos accidentes laborais rexistrados en Galicia nos últimos catro anos do 53%
- Martiñá apuntou que desde a Xunta, a través do ISSGA, préstase todo o asesoramento técnico, formación e información respecto ás novidades normativas e técnicas de especial interese no eido da prevención, ademais do obrigado seguimento e control nos centros de traballo
Vigo, 14 de outubro de 2013.- A Consellería de Traballo e Benestar mantén a pesca como un sector prioritario no ámbito das actuacións de prevención de riscos laborais, tendo que en conta que se trata dun dos principais axentes da economía galega e no que os seus traballadores se atopan expostos a unhas condicións especiais de traballo.
O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, clausurou hoxe en Vigo unha xornada sobre a situación da prevención de riscos laborais e seguridade no sector da pesca en Galicia, organizada por Fundamar e financiada pola Consellería de Traballo e Benestar.
Na súa intervención, indicou que ditas condicións especiais fan que o sector da pesca sexa considerado como prioritario no ámbito das actuacións de prevención de riscos laborais con actuacións por parte do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) como a Guía de vixilancia da saúde no sector pesqueiro, a prevención de riscos na pesca, o estudo epidemiolóxico e a guía de boas prácticas do marisqueo a pé, entre outras.
O esforzo levado a cabo polo departamento autonómico na prevención de riscos laborais ten permitido unha redución dos accidentes laborais rexistrados en Galicia nos últimos catro anos do 53%, unha cifra que marca un descenso sostido desde 2007 e co que se cumpre o obxectivo de redución dun 25% marcado na estratexia comunitaria, que en Galicia acada o 33,28%.
No ano 2012 o total dos accidentes laborais descendeu nun 24% respecto ao ano anterior e o fixo en todos os sectores. Non obstante, o obxectivo é reducir a cero esas cifras, polo que a seguridade e a saúde laboral “ten que continuar a ser un obxectivo prioritario”. De feito, Martiñá incidiu en que “as políticas activas de prevención reducen os custes de absentismo e de compensación de danos e aumentan a motivación dos traballadores, polo que son fundamentais para a mellora da produtividade e da competitividade”.
O director xeral apuntou que desde a Xunta, a través do ISSGA, préstase todo o asesoramento técnico, formación e información respecto ás novidades normativas e técnicas de especial interese no eido da prevención, ademais do obrigado seguimento e control nos centros de traballo.