Novas

Xoves, Xuño 19, 2014

Traballo lanza unha guía para a prevención de danos músculo-esqueléticos para as traballadoras do mar

Traballo lanza unha guía para a prevención de danos músculo-esqueléticos para as traballadoras do mar
  • A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe dita ferramenta na entrega de diplomas ás participantes nos obradoiros de fisioterapia preventiva impartidos en once concellos de Galicia, que tivo lugar hoxe en Ribeira (A Coruña)
  • A premisa fundamental desta guía é que a inmensa maioría dos accidentes e enfermidades profesionais son evitables mediante técnicas de prevención
  • Para difundila contarase coa colaboración da Asociación Mar Seguro Galicia e as Confrarías e, a partir de hoxe mesmo, estará dispoñible na páxina web do ISSGA
  • Todas estas actuacións coas traballadoras do mar enmárcanse no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014, que foi un dos primeiros acordos alcanzados no Diálogo Social
  • Mato recordou que, fóra das actuacións do ISSGA, na Consellería entregáronse a preto de 250 redeiras os certificados de profesionalidade que recoñecen a súa experiencia en confección e mantemento de artes e aparellos

 

Ribeira (A Coruña), 19 de xuño de 2014.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente da Consellería de Traballo e Benestar, vén de lanzar unha guía de prevención de danos músculo-esqueléticos para as traballadoras do mar.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, presentou hoxe dita ferramenta na entrega de diplomas ás participantes nos obradoiros de fisioterapia preventiva impartidos en once concellos de Galicia, que tivo lugar hoxe en Ribeira (A Coruña).

A titular de Benestar indicou que os trastornos músculo-esqueléticos, que poden estar provocados por sobreesforzos, posturas forzadas, repetición de movementos ou manipulación de cargas supoñen o risco máis frecuente para mariscadoras e redeiras. Neste sentido, a guía “configúrase como un instrumento escrito e audiovisual (libro e DVD) que apoia e facilita a formación e a prevención neste tipo de situacións”.

A premisa fundamental desta guía é que a inmensa maioría dos accidentes e enfermidades profesionais son evitables mediante técnicas de prevención. Para difundila contarase coa colaboración da Asociación Mar Seguro Galicia e as Confrarías e, a partir de hoxe mesmo, estará dispoñible na páxina web do ISSGA.

Beatriz Mato entregou hoxe os diplomas ás máis de 180 traballadoras que finalizaron un dos 17 obradoiros de fisioterapia preventiva realizados en Galicia, unha experiencia que axuda a mellorar a saúde e seguridade laboral a través da aprendizaxe de técnicas preventivas, tales como ergonomía, respiración, estiramentos, potenciación de músculos e diferentes exercicios físicos.

Actualmente hai 4.000 persoas con permiso de marisqueo a pé en Galicia, o 85% mulleres. O obxectivo da Consellería pasa por contribuír á integración da prevención no día a día a través de “pequenas e fáciles melloras que van derivar nun aumento do benestar das traballadoras e das súas familias e, polo tanto, do conxunto da sociedade”.

O ISSGA conta con diversas iniciativas neste sentido como a análise de riscos e recoñecementos médicos que se fixo a mais de 1.000 mariscadoras e redeiras; a elaboración dun estudo epidemiolóxico no marisqueo a pé para detectar as causas das enfermidades relacionadas co traballo no sector; ou a presentación, en 2012, da guía de boas prácticas no marisqueo a pé con pautas básicas para o seu traballo diario.

Así mesmo, estase a desenvolver a Escola de Saúde do ISSGA para mariscadoras, que se levará a cabo ata novembro. Grazas a esta iniciativa, os equipos médicos do ISSGA están a repetir os recoñecementos médicos a todas as mariscadoras e redeiras que o solicitan. E, ao mesmo tempo, impártense charlas en grupos de entre 12 e 15 profesionais do mar para sensibilizalas sobre a súa saúde e ensinarlles as medidas preventivas e bos hábitos que deben incorporar.

Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais
Todas estas actuacións coas traballadoras do mar enmárcanse no Plan Estratéxico de Prevención de Riscos Laborais 2011-2014 que foi un dos primeiros acordos alcanzados no Diálogo Social, un plan que fai especial referencia ao sector pesqueiro e, en concreto, a aquelas actividades onde a presenza da muller é maior, como as mariscadoras e as redeiras.

A mesma xa está desenvolta no 85% e, na actualidade, o reto pasa polo desenvolvemento dunha nova, que abranguería os anos 2015 a 2020, que deberá dar continuidade á que finaliza este ano e seguir establecendo melloras na seguridade e a saúde laboral tendo aos traballadores do mar como un colectivo de actuación fundamental.

Por último, Mato recordou que, fóra das actuacións do ISSGA, na Consellería entregáronse a preto de 250 redeiras os certificados de profesionalidade que recoñecen a súa experiencia en confección e mantemento de artes e aparellos, certificacións oficiais de validez estatal que acreditan os seus coñecementos e que melloran as súas posibilidades no terreo laboral.