Novas

Luns, Marzo 26, 2012

Traballo elabora unha guía de vixilancia da saúde dirixida a percebeiros, mariscadoras e redeiras

A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou o sábado en Malpica un documento de boas prácticas laborais para os percebeiros.

A guía que se está a ultimar será unha ferramenta para servir de modelo aos médicos para detectar patoloxías ou trastornos vinculados a estas actividades profesionais.

O ISSGA fixo recoñecementos médicos a estes colectivos para facer a guía.

Malpica (A Coruña).- A Consellería de Traballo e Benestar está a elaborar unha guía de vixilancia da saúde dirixida a percebeiros, mariscadoras e redeiras. Así o avanzou o sábado en Malpica a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, na presentación doutro documento dirixido a percebeiros sobre boas prácticas laborais. Esta última publicación foi realizada pola Asociación Mar Seguro, o servizo de prevención mancomunado de pesca de baixura que depende da Federación Galega de Confrarías, e financiada polo departamento autonómico.

Quinzá-Torroja destacou que este manual servirá ao colectivo dos percebeiros para adoptar boas prácticas no desenvolvemento do seu labor profesional. Sobre a guía que está a elaborar o ISSGA, destacou que a súa redacción estase a ultimar, unha vez feitos os recoñecementos médicos aos percebeiros, mariscadoras e redeiras.

“Tivemos que facer estes recoñecementos, xa que a guía de vixilancia da saúde será unha ferramenta para servir de modelo aos médicos á hora de detectar patoloxías ou transtornos que poidan sufrir polos riscos asociados a súa actividade profesional”, apuntou a directora, ao tempo que explicou que este documento tamén servirá para adoptar medidas para previr tanto accidentes como enfermidades profesionais.

Sobre os percebeiros, concretou que se realizaron 74 recoñecementos médicos a traballadores e traballadoras de Coruña, Lugo e Pontevedra, en concreto, pertencentes ás confrarías de Camelle, Corme, Laxe, Ribadeo, San Cibrao, O Vicedo e A Guarda.

“Deste labor observouse unha prevalencia de trastornos musculoesqueléticos derivados da súa actividade por realizar sobresforzos derivados de posturas forzadas ou movementos repetitivos”, explicou.