Novas

Luns, Decembro 02, 2013

Traballo destaca que a existencia de empresarios concienciados garante “unha auténtica cultura da prevención de riscos”

  • O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, entregou as distincións ás empresas participantes no proxecto de implantación do recoñecemento OSHAS no ámbito da prevención de riscos laborais en colaboración coa Federación Galega de Parques Empresariais (FEGAPE)
  • Destacou que isto require a implicación de toda a sociedade, especialmente nestes tempos nos que “a crise económica non debe servir de pretexto para retroceder no camiño que xa temos avanzado”
  • En Galicia estase a desenvolver por terceiro ano o Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, no marco do diálogo social

Porriño (Pontevedra).- O director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá, destacou que contra os riscos laborais “lóitase día a día”, polo que a existencia de empresarios concienciados “é unha garantía para que sigamos avanzando cara a unha auténtica cultura de prevención de riscos” que require a implicación de toda a sociedade, especialmente nestes tempos nos que “a crise económica non debe servir de pretexto para retroceder no camiño que xa temos avanzado”.

Odilo Martiñá entregou o pasado xoves, 28 de novembro, as distincións ás empresas participantes no proxecto de implantación do recoñecemento OSHAS no ámbito da prevención de riscos laborais, e lembrou que o Goberno galego mantén a súa aposta polo esforzo da prevención en todos os ámbitos.

En Galicia estase a desenvolver por terceiro ano o Plan estratéxico de prevención de riscos laborais 2011-2014, no marco do diálogo social. A meirande parte da execución do mesmo corresponde ao Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA).

O total dos accidentes laborais rexistrados na Comunidade nos últimos catro anos descendeu en máis dun 53%. Estas cifras marcan un descenso sostido desde 2007, co que se cumpre o obxectivo de redución dun 25% marcado na estratexia comunitaria, que en Galicia acada o 33,28%.

Non obstante, o obxectivo é reducir a cero as cifras, tendo en conta que a maioría de accidentes e enfermidades laborais son evitables. Neste sentido, o ISSGA presta o asesoramento técnico, formación e información respecto as novidades normativas e técnicas de especial interese no eido da prevención, ademais do obrigado seguimento o control nos centros de traballo. Entre as novidades destaca a simplificación dalgúns aspectos dos servizos de prevención cando a fai directamente o empresario ou o potenciamento dos servizos mancomunados.