Venres, Decembro 12, 2014
Traballo destaca a importancia de fortalecer a colaboración dos actores implicados na prevención de riscos laborais na pesca
- A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso Montero, e o subdirector xeral Técnico e de Planificación do Issga, Fernando González Abeijón, participaron hoxe na inauguración en Vigo dunha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais no sector pesqueiro con motivo do 50 aniversario da cooperativa de armadores da pesca do porto de Vigo (Arvi).
- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) puxo en marcha o Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 para impulsar dita colaboración
- Desde o ISSGA cóntase cun programa permanente de prevención de riscos laborais no sector pesqueiro, que ten como obxectivo xeral reducir a sinistralidade laboral e mellorar as condicións de vida, traballo e saúde a bordo
- Así mesmo, o Plan Vixía ten por obxectivo “concienciar da enorme necesidade de incorporar a prevención de riscos aos hábitos laborais dos traballadores deste sector”
Vigo, 12 de decembro de 2014.- A Consellería de Traballo e Benestar destacou hoxe a importancia do fortalecemento da colaboración dos actores implicados na prevención de riscos laborais no sector da pesca, un dos obxectivos que motivou a posta en marcha do Plan Estratéxico para a prevención de riscos laborais en Galicia 2011-2014 por parte do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), dependente do departamento autonómico.
A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso Montero, e o subdirector xeral Técnico e de Planificación do Issga, Fernando González Abeijón, participaron hoxe na inauguración en Vigo dunha xornada técnica sobre prevención de riscos laborais no sector pesqueiro con motivo do 50 aniversario da cooperativa de armadores da pesca do porto de Vigo (Arvi). Na súa intervención, Bouso destacou que a Consellería ten entre un dos seus obxectivos prioritarios a loita contra a sinistralidade laboral e para iso conta “coa imprescindible participación activa dos axentes económicos e sociais: empresarios, traballadores e as súas entidades representativas, en tódalas accións que conduzan a este fin e, neste sector, o da pesca, que necesita dun apoio decidido das administracións públicas”.
A directora xeral lembrou que a pesca ten un dos índices de sinistralidade máis elevados de todos os sectores productivos. Por esta razón, a seguridade no mar ten sido desde sempre unha preocupación no que o departamento autonómico ten centrado os seus esforzos.
Pola súa banda, Fernando González incidiu na estreita colaboración existente entre o Issga e Arvi na loita contra os accidentes laborais no sector pesqueiro, indicando que estas dúas institucións veñen traballando en conxunto ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado hai máis dun ano. Así mesmo sinalou as vías nas que está a traballar o Issga neste sector, destacando a colección de publicacións denominada "Lembra", consistente nunha serie de documentos visuais e intuitivos dirixidos directamente ás persoas traballadoras do sector.