Novas

Venres, Novembro 04, 2011

Traballo colabora cunha campaña informativa para concienciar ás empresas sobre o uso de sistemas para previr caídas en altura

• A directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, presentou hoxe unha xornada técnica sobre instalación, revisión e utilización das denominadas liñas de vida na Coruña.

• As liñas de vida son sistemas fixos ou temporais que garanten a seguridade dos traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor en suspensión.

• A actividade impulsada pola Consellería de Traballo e Benestar incluíu unha demostración práctica de como se instalan estes dispositivos e dun rescate de persoas accidentadas.

A Coruña, 4 de novembro de 2011.- O Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) está a levar a colaborar cunha campaña informativa sobre a correcta utilización das denominadas ‘liñas de vida’ que son sistemas de protección que posibilitan o desenvolvemento con seguridade de traballos en zonas onde existe risco de caídas desde altura.

Así, o centro do ISSGA na Coruña acolleu hoxe unha xornada técnica sobre esta temática que presentou a directora do instituto dependente da Consellería de Traballo e Benestar, Adela Quinzá-Torroja. A responsable do organismo incidiu na importancia de que as empresas utilicen de xeito correcto estes sistemas anticaídas, que poden ser temporais ou fixos, e que sempre garanten a seguridade do usuario, sempre e cando estea correctamente conectado a eles mediante equipos de protección individual.

Neste senso, Quinzá-Torroja sinalou que “a liña de vida é un elemento indispensable como sistema anticaída e para garantir a seguridade dos traballadores e traballadoras”.

Á xornada impulsada polo ISSGA acudiron 240 persoas, entre os que se atoparon directores de obra, coordinadores de seguridade e saúde de obra, arquitectos, técnicos de prevención de riscos laborais e responsables de mantemento e produción. Ademais, os participantes asistiron a unha demostración práctica de como se instala unha liña de vida e dun rescate de persoas accidentadas en suspensión.

A actividade formativa estivo coorganizada por empresas profesionais nesta materia, tanto en prevención de riscos laborais nos principais sectores industriais como en formación de traballadores e traballadoras que desenvolven o seu labor nunha altura superior aos dous metros sobre o chan.

En definitiva, os obxectivos da xornada técnica foron afondar sobre o deseño e configuración dos sistemas; a documentación necesaria e certificación da instalación; os criterios de revisión e mantemento das liñas de vida; as limitacións de uso; e sobre o rescate de persoas accidentadas en suspensión.