Novas

Venres, Outubro 24, 2025

Técnicos de seguridade do ISSGA reúnense en Santiago de Compostela para unificar criterios na investigación de accidentes e mellorar a aplicación SESAL

imaxe xornada seguridade

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2025

Os técnicos de seguridade do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA) reúnense hoxe en Santiago de Compostela co obxectivo de fortalecer e unificar os criterios na elaboración de informes de accidentes de traballo, no marco do compromiso do organismo coa prevención de riscos laborais e a mellora continua das súas actuacións.

Durante o encontro, os técnicos abordaron as mellores prácticas para a investigación de accidentes graves e mortais, revisando protocolos e ferramentas de análise para garantir que os informes sexan máis completos, fiables e útiles para a prevención futura. A reunión permitiu tamén compartir experiencias e establecer criterios homoxéneos que faciliten a comparación de datos e a toma de decisións baseada en información de calidade.

Outro eixo central da xornada é a optimización da aplicación SESAL, sistema integral de actuacións técnicas do ISSGA. Os participantes puideron coñecer as últimas melloras da plataforma, que inclúe  xeneración automática de informes e estatísticas, reforzando a capacidade do ISSGA para anticipar riscos e propoñer medidas de prevención máis eficaces.

O encontro subliña tamén o compromiso do ISSGA coa formación continua e a innovación tecnolóxica. A institución aposta por dotar ao seu persoal técnico das ferramentas e coñecementos necesarios para maximizar a utilidade da información, incorporando novas funcionalidades informáticas que axilicen a xestión e análise de datos. Este enfoque busca incrementar a eficiencia das actuacións preventivas, garantir a homoxeneidade dos criterios técnicos e consolidar un modelo de traballo baseado na mellora continua.